publicidade hoxe

O TSXG ratifica o seu respaldo ao decreto de vivendas de uso turístico tras desestimar o recurso de competencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar por completo o recurso interposto meses atrás pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) contra o decreto de vivendas de uso turístico de Galicia por considerar que ningún dos artigos da normativa galega vulneran o dereito da liberdade de empresa e a libre competencia, senón que é unha útil ferramenta para ofrecer un marco de seguridade xurídica tanto aos particulares como aos inquilinos deste tipo de aluguer.

Con esta decisión, o TSXG ratifica así o seu respaldo á normativa galega, despois de terse pronunciado na mesma liña o pasado mes de novembro cando tamén desestimou ao completo o recurso interposto en termos similares por unha asociación.

A Xunta de Galicia celebra que os maxistrados do alto tribunal galego avalen deste xeito a rigorosidade do decreto de vivendas de uso turístico de Galicia que, como viña defendendo a administración autonómica nos últimos meses, ordena e non restrinxe a competencia. Trátase dunha normativa que forma parte do compromiso do Goberno galego cun turismo responsable e de calidade, que aposta pola sustentabilidade e pola convivencia harmonizada con outras actividades.

Turismo responsable

A piques de que se cumpra un ano desde a súa entrada en vigor, o decreto vén de demostrar que esta nova tipoloxía de aloxamentos se está a incorporar dun xeito moi natural á oferta de aloxamentos turísticos regrados da nosa Comunidade. A día de hoxe Galicia conta con máis de 4.700 vivendas de uso turístico inscritas no Rexistro de Actividades e Empresas Turísticas de Galicia (REAT), que suman máis de 24.000 prazas repartidas por toda a xeografía galega.

O decreto de vivendas de uso turístico de Galicia redactouse con transparencia e en colaboración co sector, recolléndose as súas inquedanzas en todo o proceso e dando como resultado unha normativa consensuada, flexible e que, en comparación coas normativas doutras comunidades, é de moi sinxela aplicación.

15 de febreiro de 2018 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.