Valentín García participou na asamblea da Irmandade Xurídica Galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O secretario xeral da Lingua pon en valor “favorecer a presenza do galego en certos sectores como as forzas de seguridade”.

 

O secretario xeral da Lingua, Valentín García,  participou hoxe na asamblea da Irmandade Xurídica Galega, unha das entidades, destacou, “que se tiveron en conta para deseñar a proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega que imos presentar nos vindeiros días”. Neste senso, puntualizou que “o impulso do galego nas relacións das forzas e corpos de seguridade coa do estado coa cidadanía é un dos eidos que vimos abordando desde que comezamos a traballar na elaboración do documento, que abrangue todos os sectores da sociedade”.

Na reunión, precisamente, asinouse unha declaración sobre o uso das linguas oficiais neste ámbito, nun acto no que estivo presente a Secretaria de Estado de Seguridade, Aina Calvo. Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor “este tipo de compromisos que favorecen a presenza da lingua tanto nos procedementos administrativos como nas comunicacións ao vivo”. Resaltou deste xeito “a importancia de que certos sectores contribúan a normalizar o galego e a prestixialo”.

Nesta liña, Valentín García tamén lembrou que hai meses asinouse un protocolo de colaboración coa Irmandade Xurídica para “fomentar o uso da lingua no ámbito de actuación da entidade e do Colexio Notarial de Galicia, co compromiso de reactivar entre todos a lingua nas notarías da Comunidade, recoñecendo a validez xurídica dos documentos públicos redactados en galego”.

Así mesmo, o secretario xeral da Lingua fixo fincapé no traballo do Goberno galego para prestixiar o uso da lingua en todos os ámbitos da sociedade. Neste eido, puxo como exemplo as accións que se están a levar a cabo no ámbito da xustiza con cursos de formación para o persoal e o esforzo da Xunta porque o novo sistema de xestión procesual do Ministerio de Xustiza, Atenea, sexa bilingüe e esta dispoñible tamén en lingua galega

9 de xullo de 2026 | 20:42 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario