Turismo de Galicia apoia a difusión do termalismo entre os profesionais da medicina como fonte de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá no Talaso Atlántico na inauguración da VIII edición do Curso de Verán da Universidade de Santiago de Compostela ‘Oncoloxía Integrativa: Coidar aos superviventes de cancro, un novo reto asistencia’, unha iniciativa impulsada no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do convenio de colaboración que mantén coa Universidade de Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor o compromiso de Turismo de Galicia coa formación e coa investigación vinculadas ao turismo de saúde. “Desde Turismo de Galicia seguimos apostando por iniciativas que unen coñecemento, innovación e benestar. Este curso é un exemplo de como a colaboración entre institucións permite avanzar na atención ás persoas superviventes de cancro ao tempo que reforza o posicionamento de Galicia como un destino de referencia no ámbito do turismo termal e da saúde”, afirmou.

O curso, que se celebra entre os días 13 e 16 de xullo, constitúe un espazo de encontro para profesionais sanitarios e sociosanitarios, estudanes e cidadanía interesada na atención integral ás persoas afectadas por cancro, promovendo o intercambio de coñecementos e experiencias arredor da recuperación e da mellora da súa calidade de vida. Conta co recoñecemento de interese sanitario da Consellería de Sanidade e co aval científico da Sociedade Española de Hidroloxía Médica e da Sociedade Española de Talasoterapia.

A Cátedra de Hidroloxía Médica, creada en 2009 mediante convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia, ten como finalidade promover a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento neste ámbito, impulsando proxectos como a implantación da historia clínica electrónica nos balnearios galegos, a unificación de protocolos terapéuticos ou a difusión do Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia.

13 de xullo de 2026 | 12:21 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario