Proxecto para construír 59 vivendas públicas en Paradai, en Lugo, cun investimento de 10,7 M€
A Xunta vén de recibir 8 ofertas para construír 59 vivendas públicas en Paradai, en Lugo, que suporán un investimento de 10,7M€.
Estas vivendas, que se financiarán con fondos propios autonómicos, construiranse en Paradai, en terreos acadados nunha permuta co Concello de Lugo.
Trátase dun inmoble de baixo e 6 alturas, situado nunha zona urbana consolidada, cunha boa situación fronte á estación de ferrocarril e un eixo viario que funciona como vía de circunvalación urbana. As vivendas, de 2, 3 e 4 dormitorios, serán accesibles, de calidade e eficientes enerxeticamente.
Estes fogares, que serán de promoción pública e terán cualificación permanente, están destinados aos inscritos no Rexistro de Demandantes no Concello de Lugo.
Cómpre lembrar que en Lugo a Xunta ten en marcha xa máis de 600 vivendas públicas, a meirande parte en Garabolos, onde xa están en obras 146 vivendas.
Ademais o Goberno galego activou novas medidas para que máis galegos poidan acceder ás vivendas públicas. Para acadar ese obxectivo, aumentarase o limiar máximo de renda, ata 4 veces o Iprem, 4,5 no caso das familias numerosas.











