Preséntanse as conclusións para a reforma da atención primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A reforma do primeiro nivel asistencial posibilitará avanzar na inclusión nos equipos de atención primaria de novos profesionais, como os podólogos.

Abordouse tamén cos sindicatos o proxecto de decreto da oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura da categoría de médico de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Celebráronse dúas  reunións extraordinarias da Mesa Sectorial de Sanidade. A primeira delas foi a referida á oferta pública de emprego e decreto de oferta parcial de emprego de urxencias e, na segunda das reunións, os representantes da Consellería presentaron ás organizacións sindicais as conclusións do grupo de traballo de planificación asistencial de recursos humanos 2027-2030, que se enmarca na reforma integral da atención primaria que está a impulsar o Goberno galego.

Nesta segunda mesa, a proposta concentra a incorporación de novos profesionais a aqueles centros nos cales conflúen tres elementos clave: unha elevada poboación asignada, unha actividade asistencial diaria por riba dos limiares considerados axeitados e unha dimensión organizativa suficiente para que a nova dotación de persoal se integre de forma eficiente.

Sobre a base da análise realizada polo grupo de traballo constituído por acordo entre a Consellería de Sanidade e a práctica totalidade das organizacións sindicais, a Xunta incluirá nos equipos de atención primaria podólogos, que principalmente poderán abordar o pé diabético naqueles casos que sexan derivados polo persoal médico e de enfermería do paciente. 

Desta forma, entre outras melloras, o Servizo Galego de Saúde continúa a reforzar os equipos de atención primaria e comunitaria despois da recente incorporación da categoría de dietista-nutricionista en 2025.

Así mesmo, na xuntanza abordouse a proposta de proxecto de decreto polo que se modifica o decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Sergas e abordáronse as achegas presentadas ao proxecto de decreto polo que se modifica o decreto mediante o que se regulan as áreas e os distritos sanitarios do sistema público de saúde.

Postos difícil cobertura

 

Na primeira das mesas hoxe celebradas abordouse o proxecto de decreto polo que se aproba a provisión de postos de difícil cobertura da categoría de médico de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para o ano 2026. Logo de someterse a votación, informouse favorablemente o devandito proxecto de decreto, coa unanimidade das organizacións sindicais con representación na mesa.

O citado proxecto de decreto é consecuencia inmediata da recente entrada en vigor da Lei 4/2026, do 13 de xullo, que estende ao persoal da categoría de médico de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense as medidas extraordinarias que se contemplan na Lei 2/2022, do 6 de outubro, para a provisión de postos de difícil cobertura.

Esta iniciativa do Goberno galego ten por obxecto dar resposta á dificultade existente para cubrir de forma adecuada e en número suficiente o cadro de persoal da dita categoría no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, coa finalidade de garantir a continuidade asistencial e a calidade dun servizo esencial como é a atención urxente hospitalaria da poboación de Ourense, así como para promover a estabilidade dos recursos humanos.

A oferta pretende a cobertura de postos vacantes como consecuencia da indispoñibilidade de profesionais, da non solicitude dos postos no concurso aberto e permanente de traslados, da realización de convocatorias de selección temporal sen éxito e da persistencia da imposibilidade de cobertura das vacantes facultativas na actualidade.

Nesta primeira mesa sectorial tamén se negociou a convocatoria do proceso selectivo polo sistema de concurso-oposición para o ingreso como persoal estatutario fixo da categoría de enxeñeiro técnico.

21 de xullo de 2026 | 00:43 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario