Poxa de gando de Rubia Galega criado no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

44 animais desta raza autóctona destinados á reprodución e á mellora da rendibilidade das explotacións gandeiras, por un importe total de máis de 146.000 euros.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á terceira edición da poxa pública de gando de raza Rubia Galega celebrada no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), onde salientou o seu éxito coa adxudicación dos 44 animais dispoñibles a 19 explotacións gandeiras. A poxa acadou un importe total de 146.150 euros, o que supón un 55 % máis con respecto ao prezo de saída e que se destinarán a seguir impulsando as liñas de investigación xenética desta raza no citado centro.

Durante a xornada, o director destacou que estes resultados evidencian o interese do sector polos animais procedentes do programa de mellora xenética da raza Rubia Galega que se desenvolve no CIAM, e constitúen un claro exemplo de como a investigación pública se transforma en oportunidades para as granxas galegas, contribuíndo á súa competitividade e rendibilidade.

En total inscribíronse 47 explotacións interesadas no proceso. Este interese, xunto coa adxudicación da totalidade dos lotes, consolidan esta iniciativa como unha ferramenta eficaz para transferir ao sector os avances acadados a través da investigación pública. A maior cotización da xornada foi unha femia xestante, adxudicada por 5.550 euros, confirmando o elevado valor que os gandeiros outorgan a estes exemplares.

Os animais poxados proceden do programa de selección e mellora xenética da raza Rubia Galega que desenvolve a Consellería. Trátase de exemplares cun elevado valor xenético, resultado dos traballos de investigación orientados á recuperación das aptitudes maternais da raza, á conservación da súa variabilidade xenética e á mellora das súas prestacións produtivas.

Potenciación desta raza autóctona

 

O CIAM desenvolve numerosas investigacións relacionadas coa raza autóctona Rubia Galega, co obxectivo de impulsar a súa mellora xenética, preservar a pureza da raza e favorecer a rendibilidade e sustentabilidade das explotacións gandeiras. Neste sentido, o centro conta cun dos rabaños de Rubia Galega máis importantes de Galicia, integrado no programa de selección da raza, o que permite obter material xenético de alto valor que posteriormente se transfire ao sector mediante iniciativas como esta poxa pública.

Con actuacións como esta, a Xunta reafirma o seu compromiso cun modelo de investigación aplicada orientado á transferencia de coñecemento, á conservación das razas autóctonas e á mellora da competitividade do sector gandeiro galego.

10 de xullo de 2026 | 19:39 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario