O mosquito tigre foi detectada en 13 municipios galegos
Lémbrase que os lugares de cría son maioritariamente espazos privados, polo que cómpre evitar deixar expostas ao aire libre acumulacións de auga.
A Consellería de Sanidade acolleu hoxe a primeira reunión do ano do comité técnico interdepartamental do mosquito tigre, na cal se abordou a relevancia de formar e informar a determinados colectivos e á cidadanía en xeral sobre medidas que preveñan a proliferación deste tipo de mosquito.
Na xuntanza, de forma presencial ou por videoconferencia, participaron representantes municipais, das Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Medio Rural, das áreas sanitarias de Vigo e da Coruña e Cee, dos Departamentos Territoriais de Sanidade de Pontevedra e da Coruña, da Subdelegación do Goberno de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra, da Dirección Territorial de Emerxencias de Pontevedra, así como o persoal entomólogo da Universidade de Vigo.
Ata o de agora, está confirmada a presenza do mosquito tigre en 13 concellos: Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Tui, Mos, Bueu, Ponteareas, Poio, Salvaterra de Miño e A Coruña.
Entre outros asuntos, trasladouse a importancia da colaboración e implicación da cidadanía no control do mosquito tigre, dado que os lugares de cría deste mosquito están, de forma maioritaria, en lugares privados.
É moi importante levar a cabo medidas de prevención como baleirar cada 3 ou 4 días lugares que poidan acumular auga como macetas ou bebedoiros de animais. Tamén cubrir balsas e piscinas con lonas cando non se usen, limpar desaugadoiros e zonas de drenaxe, así como evitar acumulacións de auga en charcos ou ocos de árbores tapándoos con terra.
Por parte do persoal entomólogo presentouse o informe da Rede Galega de Vixilancia de Vectores do ano 2025, que se pode consultar neste enlace: Mosquitos_InformFinal_2025_REGAVIVEC_UVigo.pdf
Prevención de enfermidades
Na actualidade, en Galicia están presentes especies de mosquitos capaces de transmitir enfermidades como a causada polo virus do Nilo Occidental (mosquitos do xénero Culex) ou o dengue, chikungunya e zika (mosquito tigre, Aedes albopictus).
Aínda que estas especies de mosquitos non están a transmitir estas enfermidades na comunidade por non estaren infectados polos microorganismos causantes, a súa vixilancia resulta fundamental para detectar de forma temperá calquera cambio na situación epidemiolóxica.
Toda a información sobre o mosquito tigre e as recomendacións de prevención pode consultarse na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública: https://www.sergas.es/Saude-publica/Mosquito-tigre?idioma=ga











