O enoturismo como motor económico do rural
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel do enoturismo como unha ferramenta clave para potenciar un modelo turístico de calidade, respectuoso coa contorna e que achega un valor engadido real a todo o territorio.
Así o asegurou, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a inauguración da adega-restaurante Father 1943 e Paisana. Unha iniciativa impulsada polos irmáns Asunción e Ernesto Rodríguez Zarraquiños na parroquia verinesa de Vilamaior, a cal se converte na trixésima adega da Denominación de Orixe Monterrei.
Neste sentido, Rueda puxo en valor o esforzo dos promotores por revitalizar o territorio a través de iniciativas que conxugan a tradición patrimonial coa vangarda tecnolóxica, ao tempo que subliñou que este tipo de proxectos representan o máximo expoñente da Galicia Calidade a nivel global.
O presidente da Xunta lembrou os excelentes datos da DO Monterrei, que vén de acadar, na vendima do ano pasado, o seu récord histórico con máis de 8 millóns de quilos de uva recolleitados e un valor económico que supera os 25 millóns de euros.
Así, sinalou que a actividade vitivinícola resulta, ademais dun motor económico fundamental para moitas comarcas, crucial para unha axeitada xestión do territorio, contribuíndo, por exemplo, á prevención de lumes forestais. Por este motivo, referendou o compromiso do Goberno galego co sector e co desenvolvemento do rural, lembrando as convocatorias anuais de axudas cun investimento de 12 millóns de euros para potenciar a internacionalización, a modernización e a sustentabilidade das adegas e dos consellos reguladores galegos.











