O Centro de Protonterapia de Galicia dotarase dun equipo híbrido PET e resonancia magnética de última xeración
A Xunta licita por máis de 14 M€ o subministro, implantación e mantemento do equipamento de imaxe de alta tecnoloxía médica con destino ao Centro de Protonterapia de Galicia.
Este equipamento permite dispoñer de sistemas avanzados de adquisición, procesamento, integración e explotación de imaxe médica.
As obras e a posta en marcha deste equipamento serán complementarias á entrada en funcionamento do Centro de Protonterapia de Galicia, que está previsto que atenda os primeiros pacientes a finais de ano ou inicios de 2027.
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 4 de setembro para presentar as súas ofertas.
A Xunta publica hoxe no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 14.487.373 euros e unha vixencia de sete anos e medio, da contratación do subministro, implantación e mantemento do equipamento de imaxe de alta tecnoloxía médica con destino ao Centro de Protonterapia de Galicia.
En concreto, o Servizo Galego de Saúde adquirirá un equipo híbrido PET/RM (tomografía por emisión de positróns e resonancia magnética) de última xeración e tamén un equipo de tomografía computarizada de tecnoloxía avanzada de conteo de fotóns (PCCT) e/ou tecnoloxía espectral.
Así mesmo, encargarase a subministración dunha plataforma de enriquecemento, curación e integración de datos clínicos e imaxe médica.
A empresa adxudicataria disporá de mes e medio, unha vez formalizado o contrato, para a entrega do plan de implantación dos equipos e o inicio do proceso de fabricación industrial. A continuación, está previsto que en seis meses se executen as obras de adaptación e teña lugar a entrada dos equipos de imaxe médica, a súa instalación, integración e posta en funcionamento.
As obras e a posta en marcha deste equipamento serán complementarias e compatible coa entrada en funcionamento do Centro de Protonterapia de Galicia, que está previsto que atenda os primeiros pacientes a finais de ano ou inicios de 2027.
Ademais, a contratación inclúe o servizo de mantemento integral do equipamento e da plataforma.
Este equipamento de imaxe de alta tecnoloxía médica permite dispoñer de sistemas avanzados de adquisición, procesamento, integración e explotación de imaxe médica. Os ditos sistemas facilitan identificar con precisión o contorno, volume e localización da lesión que se debe tratar, así como o seguimento do paciente durante todo o proceso terapéutico.
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 4 de setembro para presentar as súas ofertas
Avances para o primeiro tratamento
A Xunta continúa a traballar na calibración do equipamento e na formación do persoal necesario para a posta en marcha do primeiro centro de protonterapia da sanidade pública nacional.
Actualmente, o persoal da empresa tecnolóxica responsable da fabricación, instalación e calibrado do equipo Proteus ONE atópase testando os sistemas clave para o funcionamento do Centro de Protonterapia de Galicia, como é o caso do ciclotrón (xerador do feixe de protóns), do gantry (o sistema que dirixe o feixe de radiación) ou do brazo robotizado de posicionamento.
Estanse a realizar quendas de traballo de 24 de horas para acadar os prazos establecidos no cronograma, coa súa entrega fixada para finais do mes de outubro.
Unha vez que teña lugar a aceptación formal das instalacións, a principios de novembro comezará a fase de “comisionado clínico”, unha fase de suma importancia xa que se realizará a calibración final dos equipos, previa ao uso médico.
A nova infraestrutura sanitaria será un referente a nivel estatal e atenderá, ademais de galegos, a pacientes tamén procedentes de Castela e León, Asturias e do norte de Portugal, cunha capacidade estimada de 250 persoas ao ano.
O centro estará especialmente enfocado a pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando atención destacada á poboación infantil.
O investimento total do Centro de Protonterapia de Galicia supera os 60 millóns de euros entre a edificación e o equipamento. Nese orzamento están recollidos os 28 millóns de euros achegados pola Fundación Amancio Ortega á sanidade pública galega no marco do acordo para o impulso da protonterapia en España. As obras do edificio, impulsadas polo Goberno galego, están cofinanciadas con fondos europeos do programa Feder de Galicia 2021-2027.











