Negocios turísticos lucenses reciben máis de 570.000 euros para modernizar as súas instalacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou o hotel Alfonso IX de Sarria, un dos beneficiarios das axudas destinadas a mellorar os establecementos de aloxamento e restauración.

A Xunta destina 575.400 euros a colaborar con 29 negocios turísticos lucenses na mellora das súas instalacións, a través da orde de axudas convocadas este ano pola Axencia de Turismo de Galicia para impulsar a modernización de aloxamentos e restaurantes.

Así o anunciou o delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, no transcurso dunha visita ao hotel Alfonso IX de Sarria, que se acolleu a este programa para acometer actuacións de renovación de infraestruturas e embelecemento da contorna.

Na comarca tamén reciben estes apoios outros dous establecementos situados nos municipios de Sarria e Samos, respectivamente. No conxunto da provincia, as axudas benefician a 16 negocios de aloxamento e 13 de restauración repartidos por 18 concellos.

Villares resaltou que a Xunta traballa de maneira continua co sector turístico “para consolidar en todo o territorio unha oferta baseada na calidade e na excelencia”, con diferentes medidas como estas axudas directas, ás que se destinaron 18 M€ dende o ano 2022.

Obras subvencionables

 

A convocatoria abrangue distintas accións, como a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética dos establecementos, a dixitalización dos sistemas de xestión ou a instalación de sistemas de seguridade.

Tamén inclúe obras destinadas a aumentar a categoría do establecemento ou a obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística. A axuda pode chegar ata o 60% do gasto, cun importe máximo de 60.000€.

21 de xullo de 2026 | 00:47 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario