Mobilízanse medios terrestres e aéreos para apoiar na extinción dos incendios de Madrid e Castela e León
Galicia mobilizará máis de 60 profesionais do seu Servizo de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF), así como medios materiais aéreos e terrestres, para prestar apoio nos labores de extinción dos lumes que afectan neste intre varias provincias españolas, en concreto nas comunidades de Madrid e Castela e León. Esta cooperación enmárcase no contexto actual de declaración de Emerxencia de Interese Nacional realizada polo Goberno de España.
Así, no día de onte despregouse en León un grupo de 14 profesionais, 1 bulldozer e 1 motobomba, e hoxe reforzarase cun helicóptero, 1 brigada e 2 axentes. Pola súa parte, Madrid e Ávila recibirán 2 helicópteros, 6 brigadas, 4 axentes, 2 técnicos, 1 bulldozer, 1 posto de mando, coa posibilidade de mobilizar a medio cento de persoas.
Deste xeito, e diante de situacións complexas como as que están vivir noutras partes de España, Galicia amosa unha vez máis a súa solidariedade, sempre garantido o correcto funcionamento do operativo galego contra os lumes, que se mantén en garda, tal e como corresponde á tempada de alto risco de incendios na que nos atopamos actualmente.
Cómpre lembrar, neste sentido, que grupos de profesionais galegos téñense desprazado anteriormente en diversas ocasións a varios territorios de España e tamén a Portugal (como ocorreu no ano 2017) para colaborar nas tarefas de extinción dos incendios forestais.











