Medio Rural e o Inorde avalían vías de colaboración en materia de formación agraria e promoción dos produtos agroalimentarios de calidade
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo hoxe un encontro con representantes do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) para avaliar vías de colaboración en materia de formación agraria e de promoción dos produtos agroalimentarios de calidade diferenciada de Galicia.
Neste ámbito, o director destacou a colaboración que a Consellería e o Inorde manteñen na posta en marcha da Escola de Pastores de Galicia, unha iniciativa orientada á formación de novos profesionais da gandaría en extensivo e que se desenvolve nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia. Sinalou que este proxecto constitúe un bo exemplo de como a cooperación institucional permite achegar formación especializada ao territorio e dar resposta ás necesidades reais do sector.
Así mesmo, durante o encontro analizáronse posibles actuacións conxuntas para impulsar a promoción dos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, co obxectivo de incrementar o seu coñecemento entre os consumidores, reforzar a súa presenza en accións de divulgación e contribuír a xerar un maior valor engadido para os produtores e para o conxunto do territorio.











