Máis do 60% dos ciclos de FP ofertados en Galicia para o próximo curso complétanse na primeira adxudicación de prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Recibíronse un total de 57.118 solicitudes, preto dun 2% máis que o pasado curso.

Os ciclos superiores da modalidade ordinaria son os que concentran maior número de solicitudes, se ben os ciclos superiores de FP Dual son os que máis medran.

En canto ás notas de acceso aos ciclos superiores, o de Hixiene bucodental no Centro Integrado de FP Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense encabeza o listado cun 8,53.

O 60,66% dos 877 ciclos de Formación Profesional de réxime ordinario para o próximo curso en Galicia complétanse na primeira adxudicación de prazas pechada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e que dá dereito a matrícula.

Segundo os datos recabados, un total de 57.118 persoas presentaron solicitude para cursar algunha modalidade de Formación Profesional, o que representa un incremento de preto do 2% (1.069 solicitudes máis) con respecto ao curso 2025-26, o que confirma, un ano máis, o interese que espertan estas ensinanzas entre os cidadáns en Galicia.

O maior número de solicitudes rexístranse nos ciclos superiores da modalidade ordinaria, con 15.893 solicitudes, 643 máis (un 4,22% de incremento) con respecto ao curso pasado, Se ben, en termos porcentuais, o incremento máis acusado concéntrase nos ciclos superiores de FP Dual Intensiva, que medran  un 15,34%, con 2.458 solicitudes recibidas. Tamén destacan os ciclos medios na modalidade ordinaria, que medran un 6,47% con 13.853 solicitudes recibidas (842 máis), o que está aliñado coa gran demanda de técnicos que hai nestes momentos.

Forte aumento da FP Acelerada

 

Por outra parte, tamén experimenta unha demanda alcista a nova modalidade de FP Acelerada, unha proposta pioneira e exclusiva de Galicia que se implantou por primeira vez o curso pasado a modo de experiencia piloto. Este ano, o segundo que está vixente, acada as 409 solicitudes, fronte as 146 rexistradas no mesmo período o ano anterior. Cómpre lembrar que esta modalidade, enmarcada nos obxectivos do Plan FPGal360 para a redución do abandono e a recualificación profesional de determinados colectivos, está concibida como formación concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración (depende do ciclo de que se trate), que se realiza en dúas quendas ao longo do ano.

Dos 877 ciclos en réxime ordinario xa están completos 532 (o 60,66%), mentres que en outros 345 quedan prazas vacantes de cara ás vindeiras adxudicacións. No caso dos ciclos de grao medio esgotaron prazas un total de 249 ciclos (57,24%) mentres que 186 aínda dispoñen de prazas. En grao superior, 283 (64,03%) cubriron prazas, mentres que 159 aínda dispoñen de vacantes para as sucesivas adxudicacións.

14 de xullo de 2026 | 15:39 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario