Máis de 500 participantes e 12 agrupacións de toda Galicia no certame musical no Gaiás
O certame celebra no Gaiás a súa novena edición reunindo intérpretes de bandas de música infantís e xuvenís das catro provincias.
Desenvólvese durante toda a xornada deste sábado e remata coa actuación da Banda Sinfónica Xuvenil Galega.
A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, asistiu hoxe no Gaiás ao arranque do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, un certame, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta, no que participan máis de 500 intérpretes das seccións máis novas dunha ducia de bandas de música populares das catro provincias galegas. Trátase dun encontro que chega este ano á súa novena edición ofrecendo ás novas xeracións de intérpretes musicais a oportunidade de participar nunha xornada de convivencia na que establecer vencellos dos que poidan nacer futuras sinerxías entre bandas.
Na apertura da cita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude animou á rapazada a “aproveitar ao máximo” a súa participación nun certame que non só permite dar visibilidade ao traballo das bandas de música populares senón que tamén “promove a educación na diversidade a través da música, unha linguaxe universal que nos une, nos enriquece e nos apaixona”, remarcou.
Ana Isabel Vázquez aproveitou tamén para poñer en valor o traballo das bandas de música populares, cualificando o seu labor como “indispensable” na formación de novos músicos “por toda a xeografía galega, tanto nas contornas urbanas como nas rurais”, subliñou. No acto participou ademais o directivo da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Jorge González Rodríguez.
Unha ducia de bandas de toda Galicia
O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís desenvólvese, con entrada libre e de balde, ao longo de toda a xornada deste sábado 4 de xullo no Gaiás, coa participación de 12 formacións de toda a Comunidade, que interpretarán os repertorios especialmente escollidos para esta ocasión.
Así, da provincia da Coruña actuará a Banda Infantil de Arzúa; desde Lugo estará presente a Minibanda de Vilalba e, por parte da provincia de Ourense, a Banda Xuvenil da Agrupación Musical da Limia e a Banda de Xinzo. Por último, da provincia de Pontevedra proceden as outras sete bandas participantes: a Pequebanda da Escola de Música de Agolada, a Banda Escola de Música de Portas, a Banda Xuvenil da Escola de Música Unión de Guláns, a Banda Infantil da Unión Musical de Meaño, a Banda Xuvenil de Tui, a Banda Xuvenil de Música de Silleda, e a Banda Escola Unión Musical de Tenorio. Pechará o encontro a Banda Sinfónica Galega, formada por integrantes de diferentes agrupacións da Comunidade, todos eles menores de 20 anos.











