Inaugúrase o parque de dinosauros Terra Nublar en Outeiro de Rei
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a directora xeral de Agader, Paz Rodríguez, participaron hoxe na inauguración do parque de dinosauros Terra Nublar, chamado a converterse nun “recurso turístico central para a comarca e a provincia”, segundo afirmaron.
Nese sentido, os representantes autonómicos sinalaron que a proposta ten capacidade para despuntar como un referente do turismo familiar, e pode xerar un efecto tractor sobre a economía do territorio incrementando o fluxo de visitantes en toda a contorna.
O Goberno galego impulsou a iniciativa mediante unha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), canalizada a través do GDR Terras de Lugo, e tamén cunha axuda do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) no marco de apoio do acceso ao crédito das Pemes.
O parque foi promovido por Rebeca Fernández e Javier Ferreiro nunha carballeira de 33.000 metros cadrados de Outeiro de Rei, que acondicionaron para acoller 23 dinosauros animatrónicos a tamaño real; están sinalizados cinco percorridos polos que se distribúen outras tantas categorías: a Idade de Xeo, os exemplares voadores, os carnívoros, os herbívoros do Xurásico e os do Cretácico.
Conta tamén con zona de xogos e pícnic, cafetaría, quiosco e tenda. En tempada alta abrirá de luns a domingo entre as 10:00 e as 19:00 horas, e en tempada baixa de mércores a domingo entre as 11:00 e as 18:00 horas.











