Impulso á innovación e a competitividade das industrias agroalimentarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, a empresa Lácteo Ferrado Verde onde coñeceu de primeira man a actividade desta empresa especializada na elaboración e comercialización de produtos lácteos.

Durante a visita, Belén do Campo percorreu as distintas áreas de produción acompañada polos responsables da compañía, que lle explicaron o proceso de elaboración dos seus produtos, así como os proxectos de crecemento e modernización que está a desenvolver a firma.

A delegada destacou que esta empresa, converteuse nun referente na elaboración de queixos, cunha transformación anual de preto de 15 millóns de litros de leite transformados en preto de 1600 toneladas de producción entre queixo barra, queixo tetilla con denominación de orixe protexida e outros formatos especiais, aos que se suma un proxecto de elaboración de queixo barra latina de pasta hilada.

A representante da Xunta subliñou a importancia de apoiar empresas que contribúen a xerar emprego e valor engadido no rural galego, ao tempo que apostan pola modernización dos seus procesos produtivos.

Axudas da Consellería do Medio Rural 

 

Neste sentido, lembrou que Lácteos Ferrado Verde foi beneficiaria das axudas da Consellería do Medio Rural destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, que permitiron impulsar diferentes investimentos para mellorar a competitividade da fábrica.

Entre as actuacións apoiadas, nos últimos anos, destacan a modernización da recepción, termización e pasteurización do leite; a mellora da ventilación das salas de elaboración; a incorporación de novos moldes para queixo Tetilla e queixo bola; a instalación dunha liña de control de peso, formado, precintado e etiquetado; a modernización da depuradora con novos sistemas de aireación; a automatización do almacenamento de moldes; a adquisición dunha máquina para a aplicación de parafina.

Asimesmo, a última axuda da convocatoria de 2024, foi destinada a incorporación de moldes para a elaboración de queixo de pasta hilada e para a renovación da infraestrutura informática e da rede wifi da planta por un importe de case 40.000 euros.

As subvencións concedidas pola Consellería do Medio Rural para estas actuacións ascenden a máis de 623.000 euros, correspondentes ás últimas convocatorias resoltas.

Belén do Campo incidiu en que estas liñas de apoio “permiten ás industrias agroalimentarias incorporar novas tecnoloxías, mellorar a eficiencia dos seus procesos e reforzar a competitividade dun sector estratéxico para a economía galega”, ao tempo que favorecen a creación de riqueza e emprego no medio rural.

Belén do Campo puxo en valor tamén a aposta da empresa pola calidade, lembrando que os seus produtos contan cos selos, a D.O. Queixo Tetilla, e Galicia Calidade, un distintivo que recoñece a excelencia e a orixe dos produtos galegos e contribúe a reforzar a súa presenza nos mercados.

A representante do Goberno autonómico puso en valor que na última convocatoria se repartiron na provincia da Coruña 14 axudas por un importe de case 3,3 millóns de euros que mobilizaron preto de 11 millóns de euros.

Nova convocatoria 2026/2028

 

Belén do Campo lembrou que a Consellería do Medio Rural volveu a convocar, este ano, estas achegas, dotadas con case 19 millóns de euros ata 2028, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac). Estes apoios contan con dúas liñas subvencionables, unha dirixida a investimento con obxectivos ambientais e outra centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias.

Puideron solicitar estas subvencións os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto desta axuda. Con elas poderán financiarse tanto investimentos para a construción e reforma de inmobles como para a compra de maquinaria e equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros.

13 de xullo de 2026 | 23:57 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario