Galicia rexistra en xuño o máximo histórico de afiliacións con 1.123.034 cotizantes
O paro queda nas 105.768 persoas desempregadas.
En canto ao paro, cae tanto na comparativa anual como na mensual e nesta última Galicia é a comunidade de España na que máis baixa o paro en termos relativos.
O desemprego baixa en todos os sectores no último ano e, en relación aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración acádase a cifra máis baixa de desemprego de toda a serie histórica (maio 2005).
Galicia rexistra en xuño con 1.123.034 cotizantes o máximo de afiliacións á Seguridade Social e con 105.768 persoas paradas o nivel de desemprego máis baixo de toda a serie histórica. Así o destacou hoxe a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, durante a valoración dos últimos datos de paro e de afiliacións.
No caso das afiliacións, soben tanto na comparativa anual como na mensual. Hai preto de 20.400 afiliacións máis que hai un ano e case 11.200 cotizantes máis que hai un mes, sendo na comparativa mensual o ritmo de subida maior ao estatal.
En relación co paro, cae tanto na comparativa anual , cunha redución do -1,39 % como na mensual, neste caso un -3,28 %. No caso da mensual, hai preto de 3.600 persoas desempregadas menos en relación con maio de 2026, o que sitúa a Galicia como a comunidade de España na que máis baixa o paro no último mes en termos relativos cun ritmo de caída máis de 2 puntos superior ao nacional.
Na comparativa anual, o paro tamén baixa en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-8,56 %), seguida do sector primario (-5,07 %), da industria (-3,03 %) e, por último, dos servizos (-1,96 %).
No que respecta aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de case 1.000 persoas (-1,58 %) e no dos parados de longa duración a baixada é de preto de 800 (-1,42 %).
Segundo salientou Zeltia Lado, estes datos —analizados desde unha perspectiva de medio e longo prazo—, reflicten unha evolución favorable do mercado laboral. Tamén poñen de manifesto, engadiu, a contribución das políticas activas de emprego co desenvolvemento de medidas para potenciar o talento interno, o emprendemento, o labor dos autónomos e tamén para atraer o talento do exterior cun modelo propio.











