Galicia como referente na reutilización de baterías de vehículos eléctricos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

Desde 2024 a planta pontevedresa desenvolve un proxecto piloto e pioneiro en Galicia que permite desmontar e analizar cada cela de ión-litio para aproveitalas na fabricación de novos sistemas de almacenamento.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe as instalacións en Mos da empresa Little Electric Car.

A Xunta de Galicia destaca o potencial que ten a Comunidade para converterse nun referente desde o punto de vista industrial e da innovación tecnolóxica en materia de preparación para a reutilización das baterías de ión-litio, un sector con moitas posibilidades a futuro debido ao auxe dos vehículos eléctricos e chamado a ser clave para avanzar nos obxectivos da transición ecolóxica.

Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá as instalacións de Little Electric Car en Mos, empresa dedicada ao desenvolvemento de solucións de mobilidade eléctrica e que desde xaneiro de 2024 lidera un proxecto piloto pioneiro en Galicia para reutilizar baterías de vehículos eléctricos ao final da súa vida útil.

En concreto, a iniciativa céntrase na aplicación da I+D+i para poder darlles un novo uso a este tipo de baterías ou, polo menos, recuperar unha parte dos seus compoñentes, que, ademais, teñen un alto valor engadido. O proceso consiste en desmontar as baterías para analizar individualmente cada unha das celas que as compoñen e reutilizar despois aquelas que manteñen aínda prestacións suficientes para poder fabricar novos sistemas de almacenamento enerxético.

Nesta liña, a responsable autonómica destacou as múltiples posibilidades de crecemento e de creación de emprego verde que ofrece para as empresas galegas a aplicación dos principios da economía circular á xestión dos residuos derivados da electrificación progresiva da mobilidade.

De feito, sinalou que, a día de hoxe, son poucas as iniciativas de remanufacturación e aproveitamento de baterías de ión-litio que se están a desenvolver, pero destacou o seu potencial a futuro tendo en conta, sobre todo, o crecemento previsto do parque móbil eléctrico nos próximos anos e a necesidade asociada de xestionar de forma sostible as baterías que vaian quedando en desuso. Por iso, considerou fundamental que Galicia se anticipe e consolide a súa posición como referente nun sector clave para a competitividade industrial e a transición ecolóxica.

Obxectivo neutralidade climática

 

Neste sentido, a conselleira destacou que a Xunta sempre brindará o seu apoio a iniciativas que, como a que visitou hoxe en Mos, estean aliñadas cos obxectivos da Estratexia Galega de Economía Circular en materia de prevención, preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos, uso eficiente dos recursos e das materias primas, impulso á innovación ambiental e transición cara a unha economía descarbonizada.

Así, avanzou que tras dous anos e medio traballando no proxecto a nivel experimental e en base á experiencia adquirida, o seu departamento xa está a tramitar a autorización definitiva da planta de Mos de Little Electric Car —empresa pertencente ao Grupo TORGO Corporate— como xestora deste tipo de residuos, cunha capacidade máxima estimada de 100 toneladas anuais de baterías de ión-litio.

Tras salientar que Galicia lidera a redución de emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) de toda España —cun 68,5% menos que en 1990, ano de referencia para as políticas en materia de clima—, Ángeles Vázquez insistiu en que hai que seguir traballando neste eido e que para lograr o obxectivo da neutralidade climática na Comunidade no horizonte de 2040 necesítase o compromiso das empresas coa I+D+i e a sostibilidade industrial, ademais de políticas públicas eficaces.

14 de xullo de 2026 | 15:36 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario