Formación en prevención de riscos laborais no sector forestal nun curso do Issga en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o Concello de Lalín, onde foi recibido polo alcalde antes de achegarse ao alumnado do Obradoiro Dual de Emprego que participa nun curso de formación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) sobre o manexo seguro da motoserra e da rozadoira.

A acción formativa, que se desenvolve entre os días 27 e 29 de xullo, ten unha duración total de 15 horas e combina contidos teóricos con prácticas reais para dotar ao alumnado dos coñecementos necesarios para desenvolver con seguridade os traballos forestais. O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de iniciativas para “mellorar a capacitación dos futuros profesionais do sector e contribuír á redución da sinistralidade laboral”.

Este curso enmárcase no Plan de actuación do Issga para o ano 2026, que inclúe un programa específico de formación en prevención de riscos laborais dirixido ás persoas traballadoras e profesionais do sector forestal e da silvicultura. O seu obxectivo é fomentar unha auténtica cultura preventiva mediante a adquisición de habilidades no uso seguro da maquinaria forestal, especialmente da motoserra e da rozadoira, así como nas tarefas de tala de árbores.

A formación aborda de maneira integral todos os aspectos relacionados coa prevención, facendo especial fincapé na planificación dos traballos, a coordinación entre os equipos, os procedementos de actuación, o emprego dos equipos de protección individual e a intervención en caso de accidente. Ademais, incorpora contidos adaptados á realidade do monte galego, como as medidas preventivas fronte á vespa velutina ou a aplicación do protocolo PAS en parcelas illadas.

Durante a visita, Pablo López lembrou que o sector forestal constitúe un ámbito estratéxico para Galicia e subliñou que “valorizar o medio rural tamén pasa por garantir un emprego de calidade e seguro para as persoas que traballan nel”. Neste sentido, destacou o compromiso da Xunta coa formación continua como ferramenta para mellorar a cualificación profesional e avanzar cara a unha prevención cada vez máis eficaz.

28 de xullo de 2026 | 18:45 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario