Convócanse axudas por máis de 9,4 M€ para o fomento do emprego
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a edición de 2026 destes programas, que elevan o seu orzamento con respecto á convocatoria pasada para reforzar os servizos sociais.
A previsión é apoiar a contratación de case 400 persoas en máis de 200 entidades cuxa actividade principal sexa o fomento da inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, servizos comunitarios, maiores, mulleres ou infancia.
O prazo de solicitude arranca mañá e prolongarase deica o próximo 24 de agosto.
Desde 2009, estes programas permitiron contratar preto de 11.300 persoas desempregadas cun investimento de 190 M€.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas deste ano para o fomento do emprego a través de programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro. Cun orzamento superior aos 9,4 M€ —case un 7 % de incremento con respecto á convocatoria pasada—, prevese apoiar a contratación de case 400 persoas en máis de 200 entidades.
O obxectivo é seguir reforzando o labor específico das entidades inscritas como “iniciativa social” no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A súa actividade principal, polo tanto, debe estar dirixida a desenvolver ou fomentar accións para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres.
En concreto, a convocatoria busca favorecer a contratación nestas entidades —durante 9 meses a tempo completo ou 12 meses a tempo parcial— de persoas desempregadas e proporcionarlles unha experiencia profesional que facilite a súa inserción laboral. Así, a orde combina creación de emprego, formación práctica e prestación de servizos de interese público, xerando un impacto directo na sociedade.
Dando resposta á crecente demanda de servizos sociais, contribúese ademais a reducir desigualdades no acceso ao emprego e fortalécese a cohesión territorial e social de Galicia. Cómpre engadir que, desde 2009, estes programas permitiron contratar preto de 11.300 persoas desempregadas cun investimento de 190 M€.
Por último, cabe sinalar que o prazo de solicitude arranca mañá, día seguinte ao da publicación no DOG, e prolongarase durante un mes, deica o próximo 24 de agosto.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260722/AnuncioG0767-080726-0003_gl.html











