Concesión da Medalla de Galicia para catro mulleres que son exemplo da integración, arraigo e o compromiso da colectividade galega no exterior
Unha das galardoadas é Claudia Álvarez, presidenta dun grupo de hoteis na Arxentina e actual vicecónsul honoraria de España en Mar del Plata
Tamén obteñen este recoñecemento Carla Angola, unha das xornalistas máis influentes de Venezuela, e a odontóloga Camila Fernández, referente no Brasil
A cuarta Medalla é para Beatriz Gil, que exerce como fiscal xefa de Menores no cantón suízo de Argovia.
O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe conceder a Medalla de Ouro de Galicia a catro galegas do exterior que son un exemplo de integración, arraigo e de contribuír a facer medrar o país de destino dos seus antepasados sen esquecer a súa terra de orixe. “Trátase do galardón máis importante que entrega a Xunta e, este ano, homenaxea á colectividade galega no exterior”, indicou.
Rueda lembrou que, nesta ocasión, as Medallas de Galicia buscan recoñecer “non só a aqueles galegos que hai décadas tiveron que saír de Galicia” senón aos seus descendentes que “son un exemplo de integración e compromiso que co seu talento e traballo seguen a engrandecer” os territorios aos que emigraron os seus familiares, e “sen esquecer as súas raíces”.
Unha das Medallas de Galicia recae en Claudia Álvarez, empresaria arxentina de orixe galega, que preside o grupo Álvarez Argüelles Hoteles. Un negocio familiar que comezou en Mar del Plata e que agora conta con hoteis en distintos puntos de América. Ademais, mantén un forte vínculo con Galicia “a través do seu cargo como vicecónsul honoraria de España en Mar del Plata”.
Outra das galardoadas deste ano é a fiscal xefa de Menores no cantón suízo de Argovia, Beatriz Gil, que mantén unha estreita colaboración co asociacionismo galego en Zúrich “ao participar en actividades sociais e culturais”.
A terceira Medalla de Galicia homenaxea a Carla Angola, filla dunha ourensá exiliada tras a guerra civil española, e hoxe “unha das xornalistas máis influentes de Venezuela”. Logo de 18 anos de carreira profesional en Globovisión -onde se consolidou como presentadora e analista política-, trasladouse ata Miami e dirixe a súa propia plataforma de comunicación dixital que conta con millóns de seguidores nas redes sociais.
Por último, o Consello aprobou concederlle tamén a Medalla de Galicia a odontológa Camila Fernández, unha das profesionais máis relevantes neste eido no Brasil. Rueda salientou tamén a súa actividade académica e científica e o seu vínculo con Galicia ao exercer como presidenta da Asociación de Empresarios Galegos en Río de Janeiro.
Rueda explicou que a entrega das Medallas de Galicia terá lugar, como é habitual, o vindeiro 24 de xullo nun acto en Santiago de Compostela.











