Autorizada a compra de varios tratamentos innovadores contra os cancros de mama e ovario por 48 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou destinar “case 48 millóns de euros á compra de varios medicamentos de última xeración para loitar contra o cancro de mama e de ovario”. Unha adquisición que se enmarca na aposta do Goberno autonómico por estar sempre á vangarda nos tratamentos que se ofrecen nos hospitais públicos.

Por unha parte, o Consello autorizou a contratación, mediante acordo marco, de anticorpos monoclonais e conxugados para o tratamento do cancro de mama no conxunto dos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde. O Executivo galego deu luz verde a un investimento de 35.927.636 euros na adquisición destas terapias innovadoras.

No marco da Estratexia galega de oncoloxía de precisión, tal e como explicou o presidente, este tipo de tratamentos representa “un gran avance respecto á quimioterapia” convencional, ao permitir unha administración que combate directamente as células tumorais e ao resultar potencialmente menos tóxica para as pacientes. “Menos agresivos e máis eficaces”, salientou.

O contrato terá unha duración inicial dun ano e prevé unha posible ampliación por 12 meses máis.

Distribúese en 5 lotes e inclúe a compra dos fármacos: Trastuzumab emtansina, Trastuzumab deruxtecán, Pertuzumab e Sacituzumab govitecán.

Na actualidade, para o tratamento do cancro mama con expresión HER2+, empréganse os anticorpos monoclonais Pertuzumab e a combinación de Pertuzumab con Trastuzumab como dobre bloqueo anti-HER2 en primeira liña do cancro localmente recidivante irresecable ou metastásico. Así mesmo, ambos os anticorpos tamén dispoñen de indicación como tratamento neoadxuvante, e poden administrarse antes dunha cirurxía co obxectivo de reducir o tamaño do tumor e facilitar a súa extirpación.

Pola súa banda, Sacituzumab govitecán está indicado para o tratamento de pacientes adultas con cancro de mama triplo negativo irresecable ou metastásico (CMTNm), naqueles casos nos que se administrasen dous ou máis tratamentos sistémicos previos.

O cancro de mama en Galicia

 

Tal e como explicou o presidente, segundo os últimos datos do Rexistro Galego de Tumores, Regat, no ano 2023 o cancro de mama “foi o tumor máis frecuente entre as mulleres galegas” con 2.396 novos casos diagnosticados e unha taxa bruta de 171 casos por cada 100.000 mulleres.

A elevada heteroxeneidade biolóxica e xenética do cancro de mama adoita levar aparellado un plan terapéutico personalizado. Xa que logo, con este acordo marco o Executivo galego mantén a súa aposta por avanzar no ámbito da medicina de precisión e achegar á poboación as solucións terapéuticas máis innovadoras e de vangarda.

Inhibidores de polimerasa

 

Por outra parte, o Consello da Xunta tamén autorizou contratación, mediante acordo marco e por importe de 11.774.480,61 euros, da subministración sucesiva de tres tipos de medicamentos inhibidores da polimerasa para pacientes con cancro de ovario ou de mama dos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde.

O expediente divídese en tres lotes, un por cada tipo de medicamento, e ten unha duración dun ano, con posibilidade de prórroga ata dous anos como máximo.

Os medicamentos inhibidores da polimerasa representan unha clase terapéutica de gran relevancia clínica na oncoloxía moderna, sendo un claro exemplo de medicina de precisión. O seu mecanismo de acción explota unha vulnerabilidade específica do tumor (como as mutacións do xene BRCA ou outras alteracións na vía de reparación do ADN) para potenciar a morte celular.

As diferenzas entre os distintos medicamentos inhibidores da polimerasa permiten personalizar o tratamento e seleccionar o máis adecuado en función do tipo de cancro e do seu estadio, do perfil xenómico do tumor (por exemplo, pola presenza e tipo de mutación BRCA), da indicación do tratamento (primeira liña, mantemento, segunda ou liñas posteriores) ou do perfil de comorbilidades do paciente e do perfil de toxicidade de cada medicamento.

Os fármacos Olaparib, Niraparib e Rucaparib están indicados para mulleres con cancro de ovario, e Olaparib, adicionalmente, tamén para o tratamento de pacientes con cancro de mama con mutacións nos xenes BRCA 1 ou BRCA 2.

Esta subministración forma parte dos seis expedientes de medicamentos de farmacia hospitalaria que o Servizo Galego de Saúde ten planificado licitar no que queda de ano de maneira centralizada.

Incidencia cancro de ovario

 

O cancro de ovario representa o décimo cancro máis frecuente en mulleres, cunha incidencia de arredor dos 9,9 casos por cada 100.000 habitantes. Segundo o último informe pechado do Rexistro galego de tumores, Regat, sobre a incidencia, en 2023 diagnosticáronse 220 casos de cancro de ovario.

6 de xullo de 2026 | 16:57 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario