Aprobados 56 proxectos como antesala da celebración do Xacobeo 2027

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Máis de 300 iniciativas presentáronse ao programa O Teu Xacobeo para este ano.

O Consello da Xunta analizou esta mañá o informe de seguimento do programa O Teu Xacobeo, dando conta daquelas iniciativas que se desenvolven na anualidade 2026. Así, tal e como indicou o presidente, Alfonso Rueda, “concedéronse axudas a 56 proxectos impulsados por autónomos e pequenas empresas e entidades sen ánimo de lucro” que contribuirán á dinamización e promoción dos valores xacobeos en toda Galicia na antesala do Xacobeo 2027.

Nesta convocatoria presentáronse 314 solicitudes, das que 130 corresponderon á liña dirixida a autónomos e pemes e 184 á destinada a entidades sen ánimo de lucro. Tras o proceso de avaliación en réxime de concorrencia competitiva, resultaron beneficiarios 56 proxectos, dos que 38 pertencen á liña de empresas e persoas traballadoras autónomas e 18 á de entidades sen ánimo de lucro.

A convocatoria 2026, integrada nun programa bianual dotado con 3 millóns de euros para 2026 e 2027, conta nesta primeira anualidade cun investimento de 1 millón de euros, distribuído en dúas liñas: 700.000 euros para persoas traballadoras autónomas e pemes e 300.000 euros para entidades sen ánimo de lucro.

Esta iniciativa, impulsada por Turismo de Galicia, busca implicar a cidadanía e os tecidos asociativo e  empresarial na creación dunha programación diversa que poña en valor o Camiño de Santiago e o seu patrimonio material e inmaterial mediante actividades culturais, artísticas, deportivas, sociais, gastronómicas e de pensamento. “Queremos unha programación máis ampla, o máis inclusiva posible e espallada por todo o territorio”, indicou Rueda.

Propostas innovadoras e distribuídas por todo o territorio

 

O presidente da Xunta explicou que os proxectos aprobados abranguen unha ampla diversidade de disciplinas e ámbitos de actuación. Así, o 55 % das iniciativas corresponden ao ámbito artístico, cun total de 31 propostas, mentres que “10 proxectos están vinculados ao patrimonio, sete ao ámbito social, seis ao deportivo e dous á transformación dixital”.

Entre as iniciativas seleccionadas figuran festivais de música, teatro, danza e cinema, propostas de oralidade e artes escénicas, visitas teatralizadas, documentais interactivos, experiencias inmersivas mediante realidade virtual, actividades educativas, proxectos de divulgación científica, xogo de escape (scape rooms) patrimoniais, accións de recuperación da memoria cultural e programas de posta en valor dos diferentes itinerarios xacobeos.

No ámbito deportivo desenvolveranse actividades como torneos de fútbol e xadrez, unha media maratón, iniciativas de surf no Camiño Portugués da Costa ou actividades de caiac vinculadas ao patrimonio marítimo e xacobeo.

A convocatoria incorpora tamén un importante compoñente social e inclusivo, con “proxectos destinados á participación de persoas maiores, persoas con enfermidade de alzhéimer e outras demencias, actividades interxeracionais, programas de igualdade e iniciativas orientadas ao desenvolvemento rural e á accesibilidade”, explicou Rueda.

As propostas beneficiarias desenvolveranse ao longo dos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago e están repartidas por toda Galicia, con 22 proxectos na provincia da Coruña, 17 na de Pontevedra, 14 na de Lugo e cinco na de Ourense, garantindo unha ampla implantación territorial e contribuíndo á dinamización económica, cultural e turística do conxunto da comunidade.

Continuidade dun programa de éxito

 

O programa O teu Xacobeo consolídase como unha das principais ferramentas da Xunta de Galicia para construír unha programación participativa arredor do Xacobeo 2027. Nas edicións anteriores foron apoiados 572 proxectos, cun investimento público de 8 millóns de euros que permitiu mobilizar preto de 15 millóns de euros en iniciativas desenvolvidas por empresas, entidades e colectivos de toda Galicia.

Tal e como indicou o titular do Executivo autonómico, “esta é a primeira convocatoria das axudas do programa e a segunda, dotada con 2 millóns de euros, lanzarase en outono -entre o 1 e o 31 de outubro- para organizar proxectos que se desenvolvan ao longo do ano 2027”.

6 de xullo de 2026 | 17:00 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario