A Xunta e Asnauga abordan as principais necesidades e retos do sector náutico galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo esta tarde unha reunión de traballo con membros da directiva e o presidente da Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga), Javier Ruíz de Cortázar, co obxectivo de analizar de primeira man as necesidades prioritarias do sector náutico e coordinar accións que contribúan a optimizar as súas condicións de actividade. O encontro contou coa participación da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e da nova presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, sendo esta a súa primeira toma de contacto institucional coa patronal náutica tras o seu recente nomeamento.

Durante a sesión, Villaverde compartiu coa entidade a importancia de potenciar o capital humano como un factor clave para garantir a excelencia nos peiraos galegos. Neste sentido, abordouse o compromiso conxunto coa reciclaxe profesional e coa adquisición de novas competencias por parte do persoal que atende as instalacións. Con este fin, avaliáronse diversas propostas orientadas á mellora e ampliación da capacitación profesional en actividades especializadas e de seguridade vinculadas ao día a día do sector.

A conselleira do Mar como a presidenta de Portos de Galicia puxeron en común con Ruíz de Cortázar as liñas mestras de planificación das actuacións do ente público nos vindeiros meses. O obxectivo compartido por ambas partes é consolidar a evolución positiva que vén experimentando a náutica recreativa e deportiva en Galicia, avanzando na modernización das infraestruturas e no incremento da calidade dos servizos que se lle prestan aos usuarios de todo o litoral galego.

1 de xullo de 2026 | 20:58 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario