A Xunta adapta o mapa escolar á evolución demográfica para o vindeiro curso 2026/27

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Debido á falta de alumnos, deixarán de funcionar catro unitarias: o colexio Pazos-Comoxo en Boiro e as escolas infantís de Olas en Mesía, de Taboadela e de Lantaño en Portas.

Paralelamente refórzanse as infraestruturas educativas naquelas zonas de maior demanda a través da construción de tres novos centros: o novo colexio de Milladoiro en Ames e os institutos de Navia en Vigo e do Pereiro de Aguiar.

A Xunta de Galicia adapta o mapa escolar á evolución demográfica de cada zona para o vindeiro curso 2026/27, o que implica que deixarán de funcionar catro unitarias por falta de alumnos. Pola contra, para atender á crecente demanda de matrícula, constrúense tres novos centros e están en marcha ou en previsión once obras de ampliación de infraestruturas educativas. 

Así pois, debido á matrícula insuficiente e sen previsión de incremento, este vindeiro curso deixarán de funcionar as escolas de Educación Infantil de Olas en Mesía (5 matrículas), de Taboadela (1 matrícula) e de Lantaño en Portas (3 matrículas) e o Colexio de Pazos-Comoxo en Boiro (2 matrículas). Estas unitarias, cuxa relación se publicará no Diario Oficial de Galicia proximamente, non acadan o número mínimo de alumnos para a súa continuidade.

Paralelamente, a Xunta está a reforzar as infraestruturas educativas naquelas zonas onde se constata unha demanda crecente de matrícula. Este é o caso de tres centros de nova construción como son o novo Colexio CEIP de Milladoiro en Ames (11,6 M€), e os institutos IES Domingo Villar en Vigo (17,8 M€) e do Pereiro de Aguiar (9,5 M€). Así mesmo, o Goberno galego ten xa en marcha ou en previsión 11 obras de ampliación de centros educativos en Santiago de Compostela, Lugo, Viveiro, Ourense, Caldas de Reis, Lalín ou Vilagarcía de Arousa, entre outros.

24 de xullo de 2026 | 15:43 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario