A vindeira semana chegará a Ferrol un buque con vehículos de SAIC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a chegada da multinacional chinesa SAIC a Galicia abrirá novas oportunidades de negocio e consolidará á nosa comunidade autónoma como un territorio atractivo para investir.

Tal e como resaltou nun vídeo difundido a través das redes sociais, o xigante da automoción elixiu a nosa comunidade como sede na Unión Europea “pola súa solvencia técnica e industrial, estabilidade institucional e garantías. A Galicia Calidade”.

Recordou, ademais, que xerará riqueza e emprego. En concreto que, nunha primeira fase, suporá uns 200 millóns de investimento e a creación de 2.300 empregos, entre as sedes de Ferrol e As Pontes.

Como proba de que o proceso “marcha a bo ritmo”, a próxima semana chegará a Ferrol un buque con vehículos da empresa, que servirá a modo de proba loxística para, logo, seguir avanzando en toda a tramitación.

Neste sentido, apuntou que “aínda que queda camiño por diante”, Galicia está preparada para acoller esta empresa, que suporá un antes e despois para a comarcas nas que se situarán as súas sedes -onde o obxectivo é constituír un hub industrial e loxístico-, así como para Galicia no seu conxunto.

Viaxe a China

 

Cómpre lembrar que o pasado mes de abril Rueda realizou unha viaxe a China cunha axenda de traballo centrada en posicionar á nosa comunidade como un destino atractivo para o investimento industrial.

O primeiro día, xoves, o mandatario galego visitou o centro de I+D de SAIC Motors e mantivo un encontro co presidente da compañía, Xiaoqiu Wang, e outros membros da directiva. O venres visitou o salón do automóbil Beijing Auto Show e mantivo unha reunión con representantes de Goldwind, un dos principais proveedores mundiais de turbinas para a enerxía eólica. Finalmente, o sábado, Rueda pechou a súa axenda visitando a fabrica de baterías de SAIC Motors en Zhengzhou.

A esta viaxe súmanse os múltiples encontros de traballo que o Goberno galego mantivo ao longo dos últimos meses coa empresa chinesa.

4 de xullo de 2026 | 12:36 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario