A empresa Celtarys Research presenta a súa tecnoloxía para acelerar o descubrimento de fármacos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia participou na rolda de prensa de presentación da empresa biotecnolóxica.

A compañía, fundada no ano 2021, conta xa con máis de 40 clientes en 14 países e atópase en fase de expansión.

O proxecto Fluorotools, do que xurdiu a empresa, foi apoiado na convocatoria 2018 do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia.

Dende a súa posta en marcha, a convocatoria Ignicia Proba de Concepto apoiou 41 proxectos, a partir dos que xa se crearon 13 spin-offs e asinaron 3 acordos coa industria, xerando emprego de alta cualificación e fortalecendo a I+G+i.

A empresa Celtarys Research, que conta co apoio da Xunta, presentou hoxe a súa tecnoloxía para acelerar o descubrimento de fármacos. A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, participou esta mañá na rolda de prensa desta spinoff da Universidade de Santiago de Compostela, nacida ao abeiro do programa Ignicia da Xunta de Galicia. Celtarys desenvolveu unha tecnoloxía baseada en ferramentas fluorescentes, que sustitúen as substancias radioactivas na fase preclínica do descubrimento de fármacos, permitindo así acurtar os tempos, reducir os custos, aumentar a seguridade neste proceso e acelerar así o descubrimento de fármacos.

Carmen Cotelo puxo a Celtarys Research de exemplo de transferencia feita en Galicia, transformando o coñecemento xerado nos nosos centros de investigación en solucións orientadas a resolver un problema real da industria, converténdose ademais nunha empresa con capacidade de competir en mercados internacionais. Precisamente ese é o obxectivo do programa Ignicia da Xunta de Galicia -axudar a que os resultados da investigación non queden unicamente no laboratorio, senón que avancen cara ao mercado, xa sexa mediante licenzas ou mediante a creación de novas empresas tecnolóxicas-, así como un dos eixos estratéxicos da nova Estratexia de Biotecnoloxía en Galicia 2026-30.

No caso de Celtarys, o proxecto Fluorotools, do que xurdiu a compañía, foi apoiado en 2018 na convocatoria Ignicia Proba de Concepto cun financiamento de 427.000 euros, unha axuda que permitiu validar técnica e comercialmente a tecnoloxía, incorporar perfís de xestión e atraer o interese de investidores nacionais e internacionais. Nas súas cinco edicións, esta liña de axudas apoiou 41 proxectos que mobilizaron preto de 17 M€, a partir dos que xa se crearon 13 spinoffs e se asinaron 3 acordos coa industria, xerando emprego de alta cualificación e fortalecendo o ecosistema galego de innovación.

Cotelo destacou ademais a contribución de empresas como Celtarys a posicionar Galicia como un referente a nivel internacional no eido da biotecnoloxía. De feito, Celtarys xa traballa con máis de 40 clientes en 14 países, con presenza en Europa, Estados Unidos e Asia, e captou máis de 2 M€ en financiamento público competitivo a nivel galego, estatal e europeo e numerosos premios e recoñecementos. Ademais de contar cunha tecnoloxía diferenciada, ofrece un catálogo de máis de 30 produtos, servizos á medida para dianas terapéuticas de interese e liñas de traballo orientadas a clientes como grandes farmacéuticas, compañías biotecnolóxicas, CROs (Contract Research Organizations), universidades e centros de investigación. Actualmente, atópase en fase de expansión co obxectivo de escalar a súa tecnoloxía a nivel global.

14 de xullo de 2026 | 15:43 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario