Traballo de recuperación dos servizos esenciais e infraestruturas viarias nas zonas de Lugo e Ourense máis afectadas polas chuvias
Alfonso Rueda anuncia que “esta mesma tarde” o Goberno galego convocará ás Deputacións de ambas provincias para realizar en conxunto “unha análise minuciosa dos danos e concretar as necesidades de reparación”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que o Goberno galego traballa xa na recuperación dos servizos esenciais e infraestruturas viarias nas zonas de afectadas polas tormentas e chuvias torrenciais do 17 de xuño nas provincias de Lugo e Ourense, tal e como deu conta o Consello logo de avaliar o informe das actuacións desenvolvidas desde a activación da alerta, elaborado pola Axencia Galega de Emerxencias e a Consellería de Infraestruturas e Planificación de Vivenda. “Nestes momentos, os equipos seguen a traballar para a recuperación das zonas o antes posible”, asegurou.
Así mesmo, anunciou que “esta mesma tarde” o Goberno galego convocará ás Deputacións de ambas provincias para realizar en conxunto “unha análise minuciosa dos danos e concretar as necesidades de reparación”. Ademais, avanzou que tamén se dirixirá ao Goberno central, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para que “realice de xeito inmediato labores de limpeza dos leitos dos ríos e de protección do solo”.
Segundo apuntou, os danos máis graves concentráronse en diversos núcleos do concello de Viana do Bolo (A Bouza, Pradocabalos, Pixeiros e O Castro), en Arcos e outros puntos de Vilamartín de Valdeorras, nas captacións de Vilardevós e en diversas zonas urbanas de Monforte de Lemos, entre outros. “Non houbo que lamentar danos persoais, pero si danos materiais tanto na rede viaria, como en infraestruturas públicas e en propiedades privadas”, apuntou. Así, nestes lugares, as riadas provocaron inundacións de vivendas, baixos e negocios; arrastres masivos de terra, pedras e troncos; danos en vehículos, muros, alpendres e explotacións; cortes de estradas e accesos; así como afección a redes de abastecemento e electricidade.
“O 112 recibiu case 2.400 chamadas e mobilizáronse ata 80 recursos”, indicou Rueda, en alusión ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, O Bolo, O Barco de Valdeorras, entre outros concellos; os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da Gudiña, da Veiga e de Valdeorras; e os servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento de Valdeorras, Verín, Monforte de Lemos e Chantada.
Interviñeron tamén persoal da Axencia Galega de Infraestruturas e servizos de conservación de estradas, brigadas de defensa contra incendios da Consellería do Medio Rural e outros medios de apoio, a Garda Civil, policías locais e servizos municipais, e brigadas de obras e maquinaria da Deputación Provincial de Ourense.
As intervencións centráronse na protección das persoas, o achique de vivendas e locais, a retirada de árbores e materiais, a sinalización e corte de vías, a apertura de accesos alternativos, a limpeza da lama e a prestación de apoio aos concellos que requiriron maquinaria pesada.
Tal e como apuntou Rueda, a Xunta actuou xa nun primeiro momento coa “activación da alerta laranxa o día anterior”, unha vez recibida a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e de MeteoGalicia. Así, o Goberno galego informou da situación a concellos, deputacións e aos servizos do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia para reducir os riscos e potenciais danos. Ademais, debido á alerta laranxa por chuvia, a Comisión Escolar de Alertas suspendeu as actividades escolares no exterior ese mércores e a Secretaría Xeral para o Deporte tamén suspendeu a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior, agás os deportes náuticos e acuáticos federados.
Afección na estrada OU-533
O informe dá conta tamén das actuacións da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na estrada OU-533, danada polas fortes precipitacións do mércores 17. A Xunta actuou con axilidade para reparar os danos que as fortes choivas ocasionaron nun treito de 200 metros na estrada OU-533 (que une A Gudiña e A Rúa) no entorno do P.K. 9+600, no lugar de Pradocabalos, no concello de Viana do Bolo. “En 24 horas xa se restablecera a circulación en ambos os dous sentidos, grazas á retirada urxente de escombros e séguese a traballar para recuperar a plena normalidade canto antes”, asegurou Rueda.
Neste punto, quedou entupido o pontón de 8 metros de alto e 6 de ancho existente, a causa do material arrastrado ladeira abaixo polas fortes correntes de auga (árbores, ramas, terra e pedras), e anegouse a estrada, o que provocou o arrastre dos petrís no lado dereito e a barreira de seguridade a ambos lados do pontón. Ademais, o lodo e demais material arrastrado afectou ao acceso a unha vivenda situada na variante da estrada nese mesmo punto quilométrico.
Tras as intensas labores levadas a cabo desde o mesmo venres, en que se puido restablecer a circulación na estrada con sinalización, o pontón está case liberado (dos 8 metros de altura queda por retirar menos dun metro e o cauce de auga xa circula sen atrancos). Ademais limpouse o cauce augas abaixo. Calcúlase que ata o sábado levábase producido o movemento de arredor duns 3.000 m3 .
Actuación
En canto se tivo coñecemento dos danos ás 19,24 h do mércores, a Axencia Galega de Infraestruturas mobilizou o servizo de conservación da rede autonómica de estradas na provincia de Ourense cara ao lugar, desprazándose os reténs de garda, primeiro o de Verín e seguidamente o da Rúa, cun camión grúa con bivalva, sinalización e material de limpeza. Restableceuse o tráfico da estrada, que Inicialmente estivera cortada, a última hora da tarde, regulado por semáforos e con circulación alternativa.
Posteriormente, o xoves 18 desprazouse persoal e un camión grúa para a instalación dun sistema provisional de contención de vehículos mediante new jerseys de formigón no pontón. Tamén se desprazaron dous camións, un de limpeza e outro con material necesario para a sinalización da zona, así como unha retroescavadora de cadeas para labores de limpeza, e unha máquina miniretro para as labores auxiliares de limpeza na variante de acceso á vivenda.
A última hora da tarde do propio xoves xa estaba liberada a maior parte da entrada do pontón e o acceso da vivenda quedou parcialmente despexado, e tamén quedaron habilitados os dous sentidos da circulación, aínda que non se pode dar data para a reposición do dominio público afectado debido as toneladas de material acumulado.
Os labores de limpeza continuaron o venres na zona do pontón para que de forma parcial a auga puidese circular polo seu leito natural. Así mesmo liberouse o tapón que obstruía un pontón augas abaixo da estrada para facilitar a cooperación entre administracións. Coa fin de restablecer canto antes a normalidade, o sábado 20 continuaron os traballos cos mesmos medios mobilizados: a retroescavadora de cadeas xiratoria de 32 toneladas, a miniretro de 3,5 toneladas, e os dous camións xunto con 6 operarios.
No día de onte paralizáronse os traballos e a actividade retomouse este luns día 22 dende as 08.00 horas.











