Rueda reúnese cos centros galegos de Venezuela para coñecer de primeira man a situación do país

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta tarde mediante videoconferencia con representantes dos centros galegos en Venezuela co obxectivo de coñecer de primeira man a situación do país e trasladarlles a solidariedade do pobo galego, así como agradecerlles o labor que están a desenvolver na atención ás persoas afectadas polos terremotos.

Rueda fixo fincapé en que a Administración autonómica xa ten activados todos os mecanismos ao seu dispor para colaborar co país, que poden ampliarse en función das necesidades, lembrando os fortes vínculos que unen a Venezuela e Galicia. Así, na actualidade residen en Venezuela máis de 30.300 persoas galegas, mentres que en Galicia viven arredor de 27.600 persoas de nacionalidade venezolana.

O Goberno galego traballou nestes últimos días na coordinación do desprazamento dun equipo especializado en busca e rescate. Ao mesmo tempo, puxéronse en marcha distintas actuacións de cooperación para contribuír á atención das persoas afectadas, que se están a canalizar a través de diferentes ONG. A Administración autonómica ten vixentes axudas de emerxencia para emigrantes galegos e descendentes, que se convocan todos os anos -podendo ampliarse o seu orzamento se é preciso- e permiten axudar a persoas que teñan perdas en catástrofes naturais, entre outras circunstancias.

Na reunión apelouse á cautela dadas as dificultades que se están a vivir no país e especialmente na zona da Guaira, a máis afectada pola traxedia. A Xunta está desde o primeiro momento en contacto permanente cos centros galego que, xunto coas restantes entidades da colectividade española en Venezuela, acordaron converterse en espazos de recollida dos materiais necesarios para o rescate, para a canalización da axuda e desde os que se ofrece apoio ás familias que así o precisen.

De feito, nestes momentos está plenamente operativa a Rede de asistencia permanente, de atención social, en todos os centros galegos en Venezuela, que nestes momentos son un elemento clave para colaborar e apoiar á poboación afectada tras a emerxencia.

Na xuntanza telemática, na que tamén participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, estiveron presentes os presidentes da Irmandade Galega de Venezuela; da Irmandade Galega de Valencia; dos centros galegos de Maracaibo e Puerto La Cruz; da Asociación Fillos de Galicia dos estados de Aragua e Lara; e da Federación de Centros Españois de Venezuela.

29 de xuño de 2026 | 12:17 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario