O Servizo Galego de Saúde presenta a proposta da nova estrutura das áreas sanitarias destinada a reforzar a atención primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorGalicia-Portada dereitaProvincias
A-
A+

Todas as áreas sanitarias contarán cunha Dirección de Atención Primaria e Comunitaria que dependerá directamente da Xerencia, ao igual que a Dirección de Atención Hospitalaria e Integración Asistencial.

Refórzase ademais o papel da enfermería, cuxa dirección pasará, tamén, a depender de forma directa da Xerencia.

O Servizo Galego de Saúde trasladou esta mañá ás organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade a proposta de modificación do decreto que regula as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do sistema público de saúde co obxectivo de dotar de maior relevancia á atención primaria. 

En concreto, o borrador presentado prevé que todas as áreas sanitarias conten cunha Dirección de Atención Primaria que pasa a denominarase agora de Atención Primaria e Comunitaria e a depender directamente da Xerencia de cada área sanitaria.

Mudará tamén a denominación da Dirección Asistencial, que a partir de agora será nomeada como Dirección de Atención Hospitalaria e Integración Asistencial e dependerá tamén da Xerencia.

Entre as competencias da nova Dirección de Atención Primaria e Comunitaria estará promover a execución do gasto e o seguimento da execución da asignación orzamentaria diferenciada do primeiro nivel asistencial, tamén propoñer as necesidades de equipamento sanitario asociado ao seu ámbito asistencial. Tamén supervisará a organización das axendas e realizar o seu seguimento para unha correcta xestión das prestacións.

Tal e como se expuxo na Mesa Sectorial, todas as áreas sanitarias contarán con subdireccións, tanto médicas como de enfermería, con competencias propias e específicas en materia de atención primaria e comunitaria.

Ademais, co obxectivo de potenciar a enfermería, a dirección desta especialidade tamén pasará a depender de forma directa da Xerencia da área sanitaria correspondente.

Ante a próxima ampliación da carteira de servizos da sanidade pública coa inclusión da protonterapia, a modificación do decreto incluirá a creación do Centro de Protonterapia de Galicia como unidade asistencial de alta especialización e cun posto directivo específico. O centro prestará servizos para o conxunto de Galicia e para servizos de saúde doutras comunidades autónomas e o norte de Portugal. O centro, situado ao carón do Hospital Clínico de Santiago, estará baixo a dependencia da Xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Información tomas de posesión

Na Mesa Sectorial de Sanidade desta mañá tamén se abordaron os avances da Xunta na consolidación do persoal especialista en enfermería familiar e comunitaria.

Informouse da apertura, no mes de xullo, dun período extraordinario de acreditación de méritos para poder acceder ao concurso específico para a cobertura de prazas en atención primaria con esta especialidade, tal e como se comprometera o Servizo Galego de Saúde coas organizacións sindicais. Así, anunciarase no Diario Oficial de Galicia a apertura da acreditación dos méritos a través do perfil persoal de FIDES.

Por outro lado, adiantouse a próxima publicación de destinos en determinadas categorías que superaron os últimos procesos selectivos, para a súa incorporación maioritaria durante o mes de agosto.

23 de xuño de 2026 | 18:10 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario