O selo Artesanía Alimentaria xerador de valor engadido e tradición gastronómica galega
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na xornada Innovación no Sector Agroalimentario, organizada polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na xornada Innovación no Sector Agroalimentario, organizada polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño no marco do programa IURC (International Urban and Regional Cooperation). Na súa intervención destacou que a innovación no sector agroalimentario non consiste unicamente no desenvolvemento de novas tecnoloxías, senón en transformar o coñecemento tradicional en oportunidades económicas, emprego e desenvolvemento territorial. Neste sentido, puxo en valor o selo Artesanía Alimentaria pola súa contribución á xeración de valor engadido e á conservación da tradición gastronómica galega.
Seguindo esta liña, Alemparte explicou que este distintivo se configura como un instrumento para incrementar o valor engadido das producións locais, favorecer a diversificación das explotacións agrarias e reforzar a identidade dos territorios. Así, salientou que detrás de cada produto artesanal “hai moito máis que un alimento, xa que representa cultura, coñecemento acumulado, materias primas locais e persoas que apostan por seguir creando riqueza no medio rural”.
O director da Axencia destacou que Galicia conta xa con 27 normas técnicas que regulan as diferentes actividades de Artesanía Alimentaria e cun sector en constante consolidación, integrado actualmente por 149 empresas inscritas e 266 persoas recoñecidas coa condición de artesás alimentarias. Un modelo que ofrece garantías ás persoas consumidoras e que permite ás pequenas empresas diferenciar os seus produtos, incrementar a súa competitividade e acceder a novos mercados.
Martín Alemparte incidiu tamén en que a Artesanía Alimentaria encaixa plenamente cos principios da economía circular e da innovación territorial, ao apostar polo aproveitamento das materias primas locais, a proximidade, a transformación de pequenas producións e a conservación do coñecemento tradicional. Nesta liña, sinalou que iniciativas como a impulsada polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño representan unha oportunidade para reforzar a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal, compartindo experiencias e facendo da identidade agroalimentaria un motor de desenvolvemento económico, social e territorial.











