O alumnado de Policía Local da Agasp percorre o Camiño Portugués antes de comezar a formación práctica nos seus concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia-Portada esquerda
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe na praia do Terrón o alumnado da 18ª promoción da Policia Local que nestes días está a percorrer o Camiño de Santiago como peche simbólico da primeira parte da súa formación teórica na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Os futuros axentes completaron este martes a etapa da ruta xacobea entre Armenteira (Meis) e Vilanova de Arousa. 

A peregrinación pola variante espiritual do Camiño Portugués, que combinan coa ruta do Padre Sarmiento, reúne os 87 homes e 22 mulleres que integran a nova promoción de policías locais e dálle continuidade a unha actividade que é xa unha tradición na Academia. Nesta ocasión, o alumnado partiu o luns desde o Pazo da Cultura de Pontevedra e rematará o xoves na praza do Obradoiro. 

O director xeral de Emerxencias e Interior destacou que esta iniciativa permite que o alumnado viva unha experiencia de convivencia logo de compartir meses de formación con compañeiros e profesores nas instalacións da Academia, ademais de descubrir todos os valores que rodean o Camiño de Santiago.

O alumnado desta 18ª promoción da Policía Local remata agora a primeira parte da súa formación teórica na Agasp antes de volver aos seus 36 concellos de orixe durante os meses de verán para realizar a parte práctica da súa aprendizaxe indispensable para ser auxiliares de policía local. Volverán á Academia do 5 ao 9 de outubro para rematar o curso coa segunda parte da formación teórica. 

Convenios cos concellos

 

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario no marco dos plans de formación continua anuais. Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, máis do 80% -incluíndo as sete cidades galegas – encomendan á Academia a selección dos seus axentes.

23 de xuño de 2026 | 18:22 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario