‘Mamma Mia! El Musical’ chega á Coruña do 16 ao 26 de xullo

O espectáculo que triunfou durante tres temporadas na Gran Vía de Madrid continúa a súa exitosa xira por España e recalará na cidade herculina antes do peche na cidade de Barcelona.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na presentación de Mamma Mia! El Musical, un dos grandes acontecementos culturais que acollerá a cidade este verán, nun acto no que estivo acompañada por representantes da produtora e por unha das protagonistas do espectáculo, caracterizada como na emblemática imaxe promocional do musical.

Durante a presentación, a representante do Goberno galego destacou a importancia de que A Coruña forme parte da xira dunha das producións musicais máis exitosas do panorama internacional, que chegará ao Palacio da Ópera do 16 ao 26 de xullo de 2026 grazas ao apoio da Xunta de Galicia.

Mamma Mia! chega á cidade avalado polo éxito acadado tras tres temporadas consecutivas na Gran Vía madrileña, nas que vendeu máis de 800.000 entradas, e continúa a súa actual xira por España cunha excelente resposta do público. Tras a súa estancia en Valencia e despois das representacións previstas en San Sebastián e Sevilla, o musical fará parada na Coruña, unha das últimas citas do percorrido antes do peche da xira en Barcelona.

A delegada da Xunta subliñou que a chegada desta produción supón “unha oportunidade única para seguir consolidando a Coruña como escenario de referencia para a celebración de grandes eventos culturais e musicais”, ao tempo que destacou o impacto positivo que teñen este tipo de espectáculos na economía local e no turismo.

Traducido a máis de quince idiomas e visto por máis de 70 millóns de espectadores en todo o mundo, Mamma Mia! El Musical reúne 23 das cancións máis coñecidas de ABBA, entre elas Dancing QueenChiquitita ou The Winner Takes It All, interpretadas en directo nunha montaxe con escenografía, vestiario e coreografías de primeiro nivel.

A representante autonómica puxo en valor a aposta da Xunta por apoiar grandes producións culturais que contribúen a dinamizar sectores como a hostalaría, o comercio e os servizos, ademais de reforzar a imaxe da cidade como destino turístico e cultural de primeiro nivel. Neste senso, subliñou que “sen ese apoio non sería posible traer este espectáculo a Galicia”.

Concibido para públicos de todas as idades, Mamma Mia! El Musical converterase, segundo destacou a delegada, nun dos grandes acontecementos culturais do ano na Coruña e nunha nova mostra da capacidade da cidade para acoller espectáculos de referencia nacional e internacional.

30 de xuño de 2026 | 16:53 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario