Máis de 435.570 € á rexeneración dos bancos da Cooperativa Galega Ría de Arousa nos que prevé sementar 3,5 millóns de ameixa babosa
A conselleira do Mar asinou coa entidade arousá o convenio para impulsar estas accións que se desenvolverán en preto de 30.000 m2.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou este martes coa Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arousa o convenio de colaboración para a restauración dos bancos marisqueiros afectados polos temporais de comezos de ano e pola caída crítica da salinidade nas rías.
O acordo supón un investimento de 435.573,33 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e enmárcase no plan extraordinario impulsado pola Xunta para favorecer a recuperación da actividade marisqueira e dos hábitats litorais, dotado con case 23 millóns de euros.
O convenio asinado hoxe súmase aos subscritos por Villaverde con outras doce confrarías (Noia, Vilaxoán, Muros, Vilanova, Moaña, Barallobre, Miño, Carril, Anllóns, Arcade, Vilanova e A Illa de Arousa), co fin de contribuír á restauración das zonas deterioradas polos efectos das intensas choivas.
Actuacións concretas
Tal e como reflicte o texto do acordo, os traballos desenvolveranse nun ámbito de 29.920 metros cadrados, comprendido entre Punta Portomouro e Punta Pedra Rubia. Estes traballos completaranse co acondicionamento do substrato.
O plan tamén contempla un programa de control de depredadores. Ademais, no ámbito produtivo, a actuación inclúe a sementeira de máis de 3,5 millóns de unidades de ameixa babosa, que se realizará en tres fases co obxectivo de favorecer a recuperación dos bancos marisqueiros e acelerar a súa capacidade produtiva.











