Incautados máis de 267 quilos de polbo e 561 cacharros na Ría de Arousa e na zona da Guarda
Os operativos realizados polas distintas unidades operativas na ría de Arousa e na de Vigo saldáronse co comiso de 120 nasas e máis de 6.100 metros de rede.
Os controis preventivos intensifícanse nas xornadas previas á reapertura da campaña para protexer a sustentabilidade biolóxica do recurso e disuadir a actividade furtiva.
A totalidade das especies capturadas ilegalmente foron devoltas de inmediato ao mar ao atoparse vivas no momento do seu izado.
O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, comisou nos últimos días un total de 267 quilos de polbo e 561 cacharros e alcatruces antirregulamentarios en diversos controis contra o furtivismo desenvolvidos no litoral galego. Estas actuacións teñen un marcado carácter preventivo ante a inminente reapertura da campaña do polbo o vindeiro mércores 1 de xullo, data na que expira o período de dous meses de veda obrigatoria destinado a protexer a reprodución e o crecemento da especie.
O groso das intervencións tiveron lugar na costa da Guarda, onde os efectivos, abordo da Mar de Galicia, comisaron 450 cacharros con 175 quilos de polbo, que foron devoltos ao medio natural.
Asemade, na ría de Arousa, os axentes levantaron un total de 9 actas (6 de incautación e 3 de presunta infracción) froito do despregue coordinado entre a Unidade Operativa (U.O.) de Vilaxoán e os Servizos Centrais. O dispositivo máis destacado executouse nas áreas de Defragueiras e Negreiriñas por parte do persoal de Vilaxoán, onde se tramitaron dúas actas de incautación que se saldaron co comiso de 51 cacharros e 48 quilos de polbo.
Así mesmo, nas zonas de Taragoña e As Negreiras estendéronse tres actas de presunta infracción coa retirada de 28 nasas de voitirón, 40 cacharros (repartidos en dúas caceas), 6 quilos de polbo e outros 6 quilos de choco. O balance de actuacións desta unidade en Arousa completouse na Mesa de Con (Illa de Arousa), onde se localizou e retirou unha cacea con 20 nasas sen identificar que mantiñan no seu interior 7 quilos de polbo e 2 quilos de nécora.
Pola súa banda, a U.O. de Servizos Centrais interveu nas zonas intermareais e de canle de Pedregoso e Pedra da Loba, localizando aparellos sen balizar nin identificar. Esta operación saldouse coa incautación de 12 nasas de polbo, 60 nasas de camarón e 25,1 quilos de polbo. A maiores, nun control perimetral en Pedras Negras, os gardacostas retiraron unha cacea de alcatruces con 20 cacharros e outros 7,4 quilos de captura. Ao non poder identificarse aos infractores e comprobar que o marisco estaba vivo, procedeuse á súa liberación inmediata no medio mariño.
Comisos na ría de Vigo e en Corrubedo
De xeito paralelo, a Unidade Operativa de Vigo estendeu unha acta de incautación a descoñecido nas inmediacións de Cabo Silleiro, na ría de Vigo. Neste operativo retiráronse do mar un total de 33 pezas de redes de enmalle que estaban a ser empregadas de xeito ilegal: concretamente 31 pezas de miños (cunha lonxitude de 1.550 metros) e 2 pezas de volantíns (100 metros). Os aparellos mantiñan retidos no seu interior 3 quilos de rodaballo, 2 quilos de raia e 1 quilo de centola, especies que foron reintroducidas de inmediato ao seu hábitat natural.
A Unidade Operativa de Portosín interceptou tamén en Corrubedo 81 pezas de niños, o que equivale a 4.500 metros; ademais de 15 quilos de raia, 25 de xuliana, 7 de boi e 0,5 de lagosta.
Desde a Consellería do Mar lémbrase a importancia de respectar os períodos de descanso biolóxico das especies e os tamaños mínimos de captura. A Xunta de Galicia incide en que estes controis rigorosos non só protexen o equilibrio dos ecosistemas e a rexeneración das biomasas nas rías, senón que defenden directamente o sustento económico e o traballo regulado de miles de familias galegas que viven legalmente do sector do mar.











