Galicia destinará 805 M€ para converter a biotecnoloxía galega nun referente internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorGalicia-Portada esquerda
A-
A+

O Consello aproba a nova Estratexia da biotecnoloxía en Galicia 2026-2030, un ambicioso documento para a I+G+i froito do consenso entre a Xunta e o sector.

A nova factoría europea de IA que acollerá Galicia, e que estará especializada na saúde humana, animal e ambiental, actuará como eixe tractor para aplicar capacidades de supercomputación e IA aos principais subsectores biotech galegos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a nosa comunidade destinará 805 millóns de euros, un 20% mais, a converter a biotecnoloxía galega nun referente nacional.

Este sector converteuse na última década nun dos piares da I+G+i e agora precisa dar o salto definitivo e acadar unha excelencia para a cal está preparado. Con esta finalidade, o Consello da Xunta aprobou hoxe a nova Estratexia da biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, froito do traballo dialogado entre administracións, empresas, universidades e os distintos integrantes deste ecosistema innovador polo que a Xunta “leva anos apostando”, tal e como sinalou o titular do Executivo galego.

O obxectivo é ambicioso tanto en cifras coma en alcance territorial, coa finalidade de competir coas mellores biorrexións europeas nos mercados globais, liderar axendas científicas de impacto internacional, xerar coñecemento transferible de alto valor e atraer talento e investimento de primeiro nivel, é dicir, converter a biotecnoloxía galega nunha referencia consolidada. Así, ao longo dos vindeiros cinco anos despregáranse 572 M€ de investimento público e 233 M€ de capital privado ata os 805 M€ previstos.

Con esta planificación, o Goberno galego busca elevar o sector a outro nivel, propiciando unha nova fase na Galicia Calidade. Para iso, establece cinco eixes de traballo: excelencia científica, talento e liderado, aceleración e escalado industrial, ecosistema de datos e biointelixencia, financiamento e investimento estratéxico e posicionamento internacional. A eles engádese un sexto eixe transversal de gobernanza. 

A nova Estratexia de biotecnoloxía en Galicia 2026-2030 non parte de cero, xa que este sector foi unha aposta decidida da Xunta desde 2015 como motor de transformación económica e social. Grazas a isto, ata 2025 Galicia conseguiu afianzar este ecosistema. Na actualidade, o sector conta con 162 entidades activas e, en 65 destas empresas, a biotecnoloxía é actividade principal, cunha facturación do sector superior a 2.000 M€, 5.693 empregos e 1.398 investigadores dedicados a este eido en xornada completa.

Precisamente, o presidente apuntou que un dos obxectivos deste novo plan é “incrementar nun 30 % a facturación do sector en Galicia”, que pasarán de algo máis de 2.000 M€ actuais a 2.650 M€ en cinco anos. Pola súa vez, establécese unha meta de 200 entidades actividades, é dicir, unha suba do 23,5 %, o que consolidará así a Galicia como segunda Comunidade máis emprendedora tras Cataluña.

Catro subsectores complementarios

O mandatario galego sinalou que a nova estratexia define “catro sectores estratéxicos”, unha novidade respecto a documentos anteriores para trasladar unha imaxe máis integrada e coherente coas prioridades actuais e en liña coas capacidades de Galicia, coas principais tendencias de especialización e coas oportunidades de futuro identificadas. Serán, en concreto, as seguintes: recursos mariños e economía azul, saúde e farmacia, bioeconomía, ambiente e sustentabilidade forestal e, finalmente, agroalimentación e foodtech.

O primeiro deles busca integrar as capacidades científico-tecnolóxicas, produtivas e de innovación vinculadas ao medio mariño, mentres que o segundo aproveitará a forte converxencia en coñecemento, infraestruturas, capacidades e oportunidades de desenvolvemento arredor da saúde humana, a innovación biomédica e a medicina de precisión. Pola súa banda, o terceiro subsector integra a produción forestal co ambiente, a economía circular e a bioenerxía. O último nace de unir a alimentación funcional para a saúde e o envellecemento activo, un ámbito vinculado ás novas demandas do mercado en saúde, benestar e envellecemento saudable.

Fábrica de IA especializada en saúde

Na actualidade, o escenario internacional é propicio para que Galicia dea este paso adiante. A Comisión Europea acaba de situar a biotecnoloxía e os elementos asociados a ela como piares centrais da transición ecolóxica e a modernización económica, cun compromiso cara ao liderado global e a excelencia científica, elementos que a I+G+i está en condicións de capitalizar desde a madureza do seu talento e das súas infraestruturas.

A fortaleza e o potencial do sector levou precisamente a que Galicia fose escollida para acoller unha das 19 fábricas de IA concedidas en todo o continente. É un fito moi importante, que combina intelixencia artificial e biotecnoloxía, e que abordará os retos da saúde dun xeito integral: humana, animal e ambiental. Nestes momentos, estase a iniciar o proceso para a contratación dos primeiros perfís profesionais co fin de estar operativa en 2028.

O plan quinquenal aprobado inclúe precisamente a converxencia entre biotecnoloxía, intelixencia artificial e datos avanzados como unha das grandes oportunidades estratéxicas de Galicia. Así, a factoría europea, bautizada como 1HealthAI, actuará como infraestrutura tractora para aplicar capacidades de supercomputación e IA aos principais subsectores biotech galegos. O seu despregamento permitirá acelerar a adopción de solucións intelixentes por parte de empresas, centros de investigación e sistema sanitario. O obxectivo é consolidar Galicia como nodo europeo avanzado na integración de biotecnoloxía, intelixencia artificial e dato de saúde.

Ademais, co obxectivo de apoiar a colaboración e a transferencia, no marco desta estratexia convocarase por primeira vez unha liña de axudas específica para o sector biotecnolóxico, que se lanzará en outono. Son axudas para proxectos de I+D biotecnolóxicos, dirixidas a fomentar a cooperación entre pemes e demais axentes do sistema de innovación para desenvolver solucións innovadoras en biotecnoloxía. Tamén haberá unha Business Factory ou aceleradora empresarial especializada grazas ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Proceso de elaboración e antecedentes

Esta estratexia, elaborada entre a Axencia Galega de Innovación e Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, é o resultado dun proceso participativo e dun compromiso colectivo. Recolle a visión dos principais membros do ecosistema, un total de 125 representantes de universidades, centros de investigación e tecnolóxicos, clústeres, investidores, Administración e empresas para responder á convicción de que Galicia pode e debe ocupar unha posición de referencia internacional na biotecnoloxía, polo xa conseguido e polo que está en condicións de construír nos vindeiros anos.

Ata o momento, o sector biotecnolóxico galego contou con dúas estratexias previas. Coa Estratexia de impulso á biotecnoloxía 2016-2020, con 262 M€ mobilizados, sentáronse as bases dun sector con proxección de futuro, ao se centrar na investigación básica e aplicada, o impulso á transferencia de tecnoloxía e a creación de novas empresas. Segundo lembrou tamén Rueda, a segunda folla de ruta foi a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, á cal se destinaron 670 M€, e que supuxo “duplicar o número de empresas biotecnolóxicas en Galicia e triplicar os empregos”.

22 de xuño de 2026 | 17:15 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario