Convocadas 11 bolsas para investigar sobre lingua e literatura galega no Centro Ramón Piñeiro
As solicitudes poden enviarse ata o 13 de xullo e serán avaliadas por unha comisión específica.
Esta iniciativa á que o Goberno galego destina preto de 300.000 €, permitirá afondar na fraseoloxía galega ou en recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, entre outros eidos.
A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de 11 novas bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades no eido da lingua e literatura galegas. Esta iniciativa, que conta cun investimento de preto de 300.000 euros enmárcase no compromiso do Goberno autonómico coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre o idioma propio de Galicia, co fin de promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.
As persoas interesadas, que poderán achegar a súa solicitude ata o 13 de xullo, deben ser licenciadas ou graduadas universitarias nas titulacións esixidas no proxecto para o que se presenten. Ademais, deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4; non ter sido beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos do Centro Ramón Piñeiro; e posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos.
Neste senso, as persoas candidatas serán avaliadas por unha comisión específica que terá en conta os méritos acreditados documentalmente por cada un dos solicitantes, considerando especialmente a nota media do expediente académico, a súa formación complementaria, a presentación de comunicacións e congresos relacionados coa bolsa ou as publicacións relacionadas coa especialidade da investigación.
Nesta ocasión, as bolsas permitirán que os investigadores afonden nos seguintes proxectos de investigación: Dicionario histórico-etimolóxico da Lingua galega, Bibliografía da lingua galega, Fraseoloxía galega, Corpus de referencia do galego actual (CORGA), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Base de datos do ALIR (Atlas Lingüístico Románico), Dicionarios de literatura e Literatura infantil e xuvenil.
A data estimada de comezo será o 1 de decembro de 2026 e rematarán o 30 de novembro de 2028 como máximo. Con todo, a data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.
Con esta convocatoria, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca fomentar a capacitación dos titulados universitarios, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega. Neste contexto, o Centro Ramón Piñeiro, como centro investigador de referencia en estudos de investigación filolóxicos, literarios e antropolóxicos, está a potenciar o prestixio crecente da lingua galega, fomentando liñas de actuación que favorecen os traballos de investigación nestes eidos, así como a súa difusión no exterior.
Investigación en Humanidades
O Centro Ramón Piñeiro é un organismo dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cuxo cometido é promover a formación e capacitación das persoas universitarias a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito de humanidades.
Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva, ademais de centrarse na dixitalización do coñecemento, co propósito de ofrecer recursos dixitais e ferramentas que permitan poder compartilos e difundilos e sexan de acceso libre.
Desde a súa fundación, hai 28 anos, pasaron máis de 500 investigadores ou bolseiros que formaron parte dos diferentes proxectos de investigación impulsados.











