Aplicación de fitosanitarios contra o verme defoliador do millo
Anunciouno hoxe a conselleira María José Gómez despois de manter unha xuntanza con representantes de Unións Agrarias, na que se avaliou a afectación deste invertebrado neste cultivo, que é unha das principais forraxes para o gando.
En primeiro lugar búscase que os produtores empreguen fitosanitarios autorizados todas as veces que sexa necesario, ao mesmo tempo que se lle solicita ao Ministerio que defenda ante a UE máis tratamentos que se poidan aplicar de xeito aéreo.
A aplicación mediante o dron reduce de xeito considerable os custes de produción, aumenta a eficiencia e, a diferencia dos medios mecánicos, non dana o cultivo cando o millo acada un alto grao de crecemento.
A Consellería do Medio Rural anima aos produtores galegos a aplicar produtos fitosanitarios contra o verme defoliador do millo, e solicítalle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que urxa ante a Unión Europea que axilice as negociacións para aplicalos con dron. Así o sinalou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, despois de manter unha reunión con representantes de Unións Agrarias, na que se avaliou a afectación que está a ter a presenza deste verme neste cultivo, que é unha das principais forraxes para gando, e na que tamén estivo presente o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
En primeiro lugar, búscase que os produtores empreguen fitosanitarios autorizados todas as veces que sexa necesario, co fin último de frear o seu avance na nosa comunidade. En relación co uso de drons, resaltou a importancia de contar con tratamentos específicos para o verme defoliador do millo que poidan aplicarse de xeito aéreo. Destacou que o uso destes aparellos reduce de xeito considerable os custes de produción, aumenta a eficiencia e, a diferencia dos medios mecánicos, non dana o cultivo cando o millo acada un alto grao de crecemento. Cabe sinalar que esta é unha solicitude que se vén demandando ante o Ministerio en reiteradas ocasións.
Seguros agrarios
A conselleira demandou tamén a necesidade de que os seguros agrarios cubran os danos causados polo verme defoliador do millo; así como xa se ten pedido para novas doenzas como o mildio, que afecta á vide; ou a Dermatose Nodular Contaxiosa.
Neste sentido, lembrou que a pasada semana se publicou no Diario Oficial de Galicia a ampliación en 1,5 millóns de euros do orzamento para apoiar a subscrición de pólizas, ata chegar aos 11 millóns de euros este ano.
Trampas de feromonas
Neste sentido, fixo tamén referencia ao traballo que desenvolve a Consellería do Medio Rural dende hai anos para previr a afectación deste verme. Así, a Xunta conta con trampas de feromonas distribuídas por toda a comunidade, maioritariamente na provincia da Coruña, que permiten vixiar a presenza desta praga. Confirmou que a Consellería seguirá a traballar nesta liña, coa instalación de máis trampas para capturar o maior número de exemplares posibles e frear o avance deste verme.











