A Consellería do Medio Rural impulsou a creación de dous pasteiros nos municipios do Irixo e Forcarei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia-Local PortadaPortada dereita
A-
A+

En ambos pasteiros leváronse a cabo traballos de preparación do terreo, construción de novas infraestruturas e de acondicionamento para o benestar do gando.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou hoxe os concellos do Irixo e Forcarei, onde puido ver os traballos realizados nos pasteiros do monte de Baxín e do Sixto. Para o seu desenvolvemento, a Xunta destinou un total de 153.460 e 177.518 euros, respectivamente.

O pasteiro do monte de Baxín, no municipio ourensán do Irixo, conta con algo máis de 25 hectáreas, nas que se desenvolveron actuacións de diversa índole. Nun primeiro lugar preparouse o terreo, realizando traballos de roza mecanizada, dous pases de grada pesada e de retirada de pedras. Posteriormente procedeuse a encalar, sementar e abonar a zona, finalizando cun pase de rulo. Ademais, desmontouse e retirouse a antiga pechadura e colocáronse peches perimetrais, dúas captacións e conducións de auga, dous pasos canadenses e dous bebedoiros vacúns.

No caso do pasteiro do Sixto, pertencente ao concello pontevedrés de Forcarei, a superficie total é de 13,15 hectáreas, nas que tamén se realizaron traballos similares. Primeiro levouse a cabo unha roturación do terreo e un encalado, realizando posteriormente a fertilización e sementeira mecanizada. Tamén, instalouse un peche de 2.225 metros e colocáronse dous pasos canadenses e unha cancela para a entrada e saída do gando. Do mesmo xeito, subministrouse un bebedoiro de campo dunha capacidade de 400 litros, un bebedoiro vacún e dous comedeiros con capacidade para 14 cabezas de gando cada un.

José Balseiros destacou a importancia deste tipo de iniciativas para o desenvolvemento do rural galego, facendo fincapé nas vantaxes que ten para a conservación da biodiversidade e dos ecosistemas agroforestais, contribuíndo tamén á prevención dos incendios forestais. Así, destacou que con estas actuacións se impulsa a actividade socioeconómica, ofrecendo espazos favorables para a gandaría en extensivo.

Plan de pastos de Galicia

A creación destes pasteiros enmárcanse dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento global de cerca de 15 millóns de euros.

23 de xuño de 2026 | 18:14 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario