Os hospitais da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras exportan o seu modelo de sostibilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

As actuacións á vangarda europea levadas a cabo nos hospitais públicos da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, como a construción de distintas infraestruturas e pérgolas verdes na praza de acceso ao Hospital Universitario de Ourense, un novo sistema de recollida e almacenamento de augas pluviais no de Verín e unha cuberta vexetal illante en Valdeorras, foron destacadas na xuntanza do proxecto europeo Life Resystal: Marco de resiliencia ao cambio climático para sistemas sanitarios e hospitais.

O Servizo Galego de Saúde é dun dos participantes neste proxecto, que se desenvolveu ao longo dos últimos 4 anos en diferentes países, cun investimento de 3,5 M€.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, asistiu á reunión celebrada na capital de Galicia, na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, onde se fixo balance desta iniciativa europea que finalizará en setembro.

As actuacións do Life Resystal en Ourense queren ser un modelo piloto exportable a outros centros sanitarios co fin de medir os seus beneficios na loita contra o cambio climático, monitorizando estas iniciativas, retos e avances.

Remarcar que o Servizo Galego de Saúde é o único de España participante nesta iniciativa.

Reunión multidisciplinar

Á reunión, de carácter multidisciplinar, para poñer en común solucións conxuntas, asistiron colaboradores técnicos a nivel europeo de Life Resystal, responsables das infraestruturas sanitarias e das accións da Estratexia Galega de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, axentes sociais, responsables de Meteogalicia, da Axencia Galega de Emerxencias e grupos de investigación universitarios.

Life Resystal busca, ao longo deste tempo, desenvolver, demostrar, avaliar e difundir un marco para promover a resiliencia ao clima e os retos que o cambio climático supón a todos os niveis, coa meta de reducir o seu impacto nos sistemas de saúde.

O encontro supuxo unha grande oportunidade para mostrar as posibilidades da resiliencia climática en infraestruturas sanitarias, e tamén para servir de modelo para outras infraestruturas, sectores e contextos.

O proxecto Life Resystal ten como colaboradores técnicos á Universidade de Cambridge, o National Centre for Scientific Research Demokritos, Acterra, Crisisoft, Rina, Centro Hospitalier de Millau, General Hospital of Nikaia, ademais da entidade Health Care Without Harm Europe.

Obxectivo: Galicia climaticamente neutra

A participación no Life Resystal intégrase na Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, que busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade, servindo como estímulo para continuar as medidas desenvolvidas desde hai xa 20 anos polo departamento sanitario galego, e sendo referente  para outros sistemas sanitarios.

O obxectivo é acadar unha Galicia climaticamente neutra, con 0 emisións no 2040, conciliando a excelencia na atención sanitaria coa sustentabilidade.

A Estratexia do Sergas inclúe diferentes medidas como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles como a madeira, o ecodeseño de procesos asistenciais, o fomento da investigación en I+D ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores.

25 de xullo de 2025 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.