O conselleiro de Educación demanda de novo á UDC información detallada sobre o seu desequilibrio financeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Román Rodríguez contrapón o “empeoramento constante” na xestión económica da Universidade da Coruña fronte ao superávit de Santiago e Vigo.

Reitera o compromiso do Goberno galego cun financiamento estable das universidades, como queda blindado no Plan de Financiamento coa maior achega da historia.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, demanda de novo á Universidade da Coruña que proporcione información detallada e exhaustiva sobre o seu desequilibrio financeiro co obxectivo de aclarar o estado das contas así como o uso de fondos públicos por parte deste ente universitario co fin de encauzar a súa senda orzamentaria e, deste xeito, garantir a estabilidade económica da UDC.

En resposta a unha pregunta ante o pleno do Parlamento, o titular de Educación do Goberno galego solicitou colaboración á UDC para coñecer o “estado real” das contas e, así, poder  elaborar un plan de estabilidade que atalle a actual situación de déficit.

Esta información é necesaria para que o grupo de traballo creado baixo o apoio e a supervisión da Administración autonómica e formado por técnicos por técnicos da Consellería de Facenda, da Secretaría Xeral de Universidades e da UDC, poida avanzar na identificación das circunstancias que levaron a este escenario e, a partir de aí, deseñar un plan plurianual no que se fixe a senda de reequilibrio financeiro.

Román Rodríguez lamentou o “empeoramento constante” das contas da Universidade da Coruña, cun remanente negativo de 13M€, en contraposición de superávit da Universidade de Vigo (3,6M€ en 2024) e da Universidade de Santiago (1,6M€). “Isto demostra que non é un problema de financiamento da Xunta, senón de xestión interna propia da universidade”, explicou o conselleiro, que apuntou a un “emprego inadecuado” de certas partidas que obrigarían á universidade a axustar os gastos e os ingresos.

Dependencia de fondos estruturais

Os datos coñecidos avalan, ademais, que a UDC é cada vez máis dependente do Plan de Financiamento, que crece máis rápido ca o resto das universidades en fondos estruturais e menos de fondos propios. De feito, desde 2016 a Coruña foi a única que incrementou o seu peso no reparto do dito fondo estrutural.

O conselleiro reiterou o compromiso da Xunta coa Universidade da Coruña e co resto das universidades públicas para que conten cun financiamento estable e pactado. Non en balde, contan coa financiación máis alta da historia a través do Plan de Financiamento 2022-26, que lles reporta uns 3.200M€ para o período, e con achegas que este 2025 acadan a cifra récord de 538M€.

9 de xullo de 2025 | 21:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.