Medio Rural destina 360.000 euros ás axudas para o control da calidade de produtos agroalimentarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Medio Rural vén de publicar a resolución destas achegas, que benefician os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e o da produción ecolóxica de Galicia.

Estas axudas promoven iniciativas e actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe da produción agroalimentaria galega.

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola cal se dan a coñecer as axudas concedidas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominación de calidade agroalimentarias, dotadas cun total de 360.000 euros.

Os beneficiarios son o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como aos das denominacións de orixe vitivinícolas: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; os das denominacións de orixe protexidas de queixos: Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; os das indicacións xeográficas protexidas: Castaña de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea, Pan Galego, Pataca de Galicia e Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego; e o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Aguardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

O obxectivo destas axudas é apoiar as actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos. Estas achegas favorecen o elevado nivel de rigorosidade necesario nas tarefas de seguimento das denominacións de calidade.

Seguindo esta liña, foron subvencionadas actuacións encamiñadas ao dito control e a estudos, investigacións e o desenvolvemento de plans para a mellora da calidade dos produtos obxecto de protección ou os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador como entidade certificadora e para o seu mantemento.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250718/AnuncioG0528-100725-0001_gl.html.

18 de xullo de 2025 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.