A conselleira de Política Social e Igualdade di que a Xunta terá que asumir o 100% do custo da atención aos menores migrantes
Fabiola García denuncia que o Goberno central quere trasladar a Galicia de xeito arbitrario e sen consenso coas comunidades autónomas a menores migrantes mentres que o País Vasco e Cataluña no están obrigadas a acollelos.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou esta tarde que a Xunta terá que asumir o 100% do custo de atención e o benestar dos menores migrantes que o Goberno central quere trasladar á nosa comunidade. Así o recalcou no Parlamento durante a resposta a unha pregunta oral sobre esta cuestión.
Fabiola García lembrou que onte, na Comisión Sectorial de Infancia e Xuventude, o Goberno central confirmou que Galicia non vai recibir financiamento para sufragar os custos derivados da atención dos menores. Deste xeito, o Ministerio de Xuventude e Infancia só contribuirá economicamente coas comunidades para a preparación dos trámites relativos á súa recepción.
Tal e como xa reiterara noutras ocasións, a conselleira de Política Social e Igualdade insistiu novamente en que se trata dun reparto “arbitrario e sen consenso coas comunidades autónomas”, que só responde aos pactos do Goberno central cos seus socios. A proba disto – dixo- é que mentres que Galicia se vería obrigada a acoller 317 menores, nin o País Vasco nin Cataluña terían que acoller ningún, segundo o reparto que pretende impoñer o Goberno de Pedro Sánchez.
Nesta liña, Fabiola García insistiu en que Galicia “non vai aceptar esta imposición” e lembrou que xa se presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional, xunto con outras dez Comunidades Autónomas de distinto signo político. Este recurso xudicial presentado pola Xunta baséase, entre outras cuestións, en que o Goberno central está a invadir competencias autonómicas con este reparto obrigatorio regulado por Real Decreto-Lei, xa que a protección dos menores recae nas autonomías.
Ademais, a conselleira volveu lembrar que o sistema autonómico de protección ten nestes momentos unha sobreocupación do 108%, polo que non está en condicións de facer fronte a máis acollementos. Por iso mesmo, denunciou que “unha vez máis o Executivo central opte pola vía da imposición e renuncie ao diálogo e á negociación”, tal e como se fixo nos anteriores repartos acordados e cos que – insistiu- Galicia sempre cumpriu.











