A comunidade galega de Chile celebra o Día de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, asistiu á ofrenda ao Apóstolo celebrada no Lar Gallego de Chile.

O delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, participou na tradicional ofrenda ao Apóstolo Santiago organizada polo Lar Gallego de Chile e nun encontro posterior coa colectividade na que participaron máis de 300 persoas.

Na súa intervención, expresou o seu recoñecemento ao labor que desde hai décadas desenvolve esta entidade na preservación e promoción da identidade galega en Chile. Valorou especialmente o compromiso da súa directiva, encabezada polo presidente Ricardo Andrés González Méndez, así como a implicación das persoas socias e colaboradoras, que manteñen viva a cultura galega a través da lingua, a música e as tradicións.

O delegado destacou que o Lar Gallego de Chile, fundado en 1967, leva máis de medio século sendo un referente da galeguidade neste país, con iniciativas como escolas de baile, canto, gaita e percusión. Subliñou que este tipo de entidades son piares fundamentais para a proxección internacional da cultura galega e para o fortalecemento dos vínculos entre Galicia e a súa diáspora, facendo fincapé así mesmo nos profundos lazos históricos entre Galicia e Chile.

27 de xullo de 2025 | 23:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.