11.630 prazas para a mocidade nas actividades de verán da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaXuventude
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe o inicio da campaña de verán coa maior oferta da historia de actividades programadas polo Goberno Galego. Fíxoo coa rapazada de entre 13 e 15 anos que acaba de chegar ao campamento xuvenil Virxe de Loreto, onde destacou “a experiencia tan enriquecedora que están a vivir e que de seguro levarán o recordo dunhas xornadas de verán cheas de movemento, amizades, actividades e moitos aprendizaxes”.

Neste senso, durante a visita onde estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, López Campos remarcou a variada oferta da campaña Modo verán activo. “Non é só unha actividade de ocio se non un recurso de conciliación da vida familiar e laboral, que segue a ser un referente a nivel nacional”, explicou. Desta maneira, nestas instalacións en Porto do Son, que conta con 120 prazas en cada quenda, tamén se aloxan nestes días, ademais dos menores galegos, 20 menores de Álava e 20 de Castela-A Mancha, que accederon á convocatoria grazas ao plan de intercambios con outras comunidades autónomas.

En total son catro as estadías programadas neste complexo, cun total de 480 prazas para mozos e mozas de 13 a 17 anos. Con esta visita, o responsable autonómico de Cultura, Lingua e Xuventude, quixo saudar á mocidade participante na primeira quenda duns campamentos que se estenden por toda Galicia, distribuídos en varios grupos ata setembro. Así, cómpre lembrar que este ano, baixo o lema Modo verán activo, ofertáronse nesta modalidade 7.877 prazas, sumando 105 para persoas con discapacidade (no albergue de Gandarío) e 306 prazas de intercambio noutras comunidades para nenos e nenas de 9 a 17 anos.

Trátase dunha cifra que, tal e como recordou López Campos, está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta convocou na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campos de voluntariado, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos, os campos de voluntariado, o programa Conecta con Galicia no camiño ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.

A Campaña de Verán é froito do traballo coordinado con outros departamentos da Xunta de Galicia. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destacou “a participación gratuíta dos fillos de vítimas de violencia de xénero nas actividades, a participación de mozos con discapacidade e dos menores en situación de garda ou tutela mediante unha reserva de prazas”.

2 de xullo de 2025 | 23:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.