Aberto ata o 2 de xullo o prazo para cursar FP o vindeiro curso nalgunha das 49.164 novas prazas
Desde este luns, 16 de xuño, as persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes para as 251 titulacións diferentes que se imparten en Galicia.
Este ano, como novidade, os tres períodos de adxudicación de prazas concentraranse no mes de xullo co fin de axilizar ao máximo o proceso de admisión e matrícula.
Desde este luns, 16 de xuño, e ata o 2 de xullo estará aberto o prazo de solicitude para cursar unha titulación de Formación Profesional nas 49.164 prazas de novo ingreso que vén de habilitar a Xunta de Galicia para o próximo curso 2025-26, un 5% máis que no presente curso.
Os interesados poderán escoller entre 251 titulacións diferentes -40 delas de nova implantación- repartidas en 159 ciclos de grao medio, básico e superior, 28 másteres, 31 títulos de alta especialización, 18 formacións aceleradas (de nova implantación) e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais. Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, ten dispoñible á oferta completa no Portal Educativo.
Neste senso, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, anima á mocidade e á cidadanía no seu conxunto a coñecer a ampla oferta formativa “á carta” co reforzo das de todas as modalidades, entre elas os másteres e as titulacións de alta especialización, e coa posta en marcha de vías novidosas e exclusivas de Galicia como as formacións aceleradas, a FP Básica Adaptada ou o reforzo da formación para adultos. En definitiva, recalcou o conselleiro, “todo aquel que queira pode encontrar un oco na FP”.
Como novidade, co fin de axilizar ao máximo o proceso de admisión e matrícula, este ano por primeira vez os tres períodos de adxudicación de prazas concentraranse no mes de xullo (ata o de agora había unha adxudicación en setembro). Deste xeito, adiántase todo o proceso en beneficio do alumnado, que saberá con máis antelación onde é admitido, e dos centros, que poderán axilizar a súa organización.
A primeira adxudicación de prazas realizarase o 15 de xullo, a segunda o 22 de xullo e a terceira o 29 de xullo. Logo destas tres adxudicacións, do 1 ao 26 de setembro seguirá aberta a adxudicación continua desde os propios centros educativos naqueles ciclos formativos onde queden prazas vacantes.
As instrucións cos detalles específicos para cada unha das modalidades poden consultarse no calendario de matrícula. En todo caso, as principais datas son as seguintes:
|
Oferta |
Presentación de solicitudes |
Resolución provisional de solicitudes |
1ª adxudicación de prazas |
Período de matrícula para as persoas admitidas (1ª adxudicación) |
|
Ordinaria/modular |
Do 16 de xuño ás 9:00 h. ao 2 de xullo ás 13:00 h. |
8 de xullo |
15 de xullo |
Do 15 de xullo desde as 9:00 h. ao 18 de xullo ás 13:00 h. |
|
FP Dual Intensiva |
Do 16 de xuño ás 9:00 h. ao 2 de xullo ás 13:00 h. |
4 de xullo |
15 de xullo |
Do 15 xullo ás 9:00 h. ao 18 xullo ás 13:00 h.
|
|
Másteres de FP |
Do 16 de xuño ás 9:00 h. ao 2 de xullo ás 13:00 h. |
8 de xullo |
15 de xullo |
Do 15 xullo ás 9:00 h. ao 18 xullo ás 13:00 h. |
|
Formacións aceleradas |
Do 16 de xuño ás 9:00 h. ao 2 de xullo ás 13:00 h. |
4 de xullo |
15 de xullo |
Do 15 xullo ás 9:00 h. ao 18 xullo ás 13:00 h.
|











