Sométese a información pública a modificación da Lei de saúde de Galicia para previr e mellorar a resposta fronte á violencia no ámbito sanitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O anteproxecto de lei estará en exposición pública para achegas ata o 23 de maio, logo solicitaranse os informes preceptivos, antes da aprobación do texto polo Consello da Xunta e da súa remisión ao Parlamento no verán.

A Xunta somete a información pública a modificación da Lei de saúde de Galicia co obxectivo de previr e mellorar a resposta fronte á violencia no ámbito sanitario. O anteproxecto de lei estará en exposición pública para achegas ata o vindeiro 23 de maio. Logo solicitaranse os informes preceptivos, como paso previo á elevación do anteproxecto ao Consello da Xunta para a súa aprobación. A previsión é que o novo texto sexa remitido no verán ao Parlamento galego para a súa tramitación e aprobación definitiva.

Así o trasladou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Camaño, durante as reunións de traballo que mantivo esta mañá con representantes dos servizos de emerxencias, forzas e corpos de seguridade do Estado e colexios médicos, de enfermería e de psicoloxía para presentarlles o anteproxecto de lei de modificación da Lei de saúde pública de Galicia para previr e mellorar a resposta fronte á violencia no ámbito sanitario. Nos encontros de traballo estiveron presentes, por parte da Consellería de Sanidade, a secretaria xeral técnica, Natalia Lobato, a directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa, e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez.

Por parte dos distintos colectivos, nas reunións desta mañá estiveron presentes representantes dos colectivos de técnicos de emerxencias, representados por Fegam (Federación galega de ambulancias), Asgate (Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias) e Tesgalicia (Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia); representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, en concreto, Policía Nacional e Garda Civil; e membros dos colexios médicos, de enfermería e de psicoloxía.

Ampliación da definición de profesional sanitario

O anteproxecto de lei de modificación da Lei de Saúde Pública consta dun único artigo con 15 apartados.

Tal e como detallou o conselleiro, a nova norma incorpora unha definición ampla da violencia no ámbito sanitario, recoñecendo tamén os feitos que teñan lugar fóra da xornada laboral cando teñan relación co exercicio profesional.

O novo texto estende a consideración de profesional sanitario a todos aqueles que desenvolven funcións asistenciais e non asistenciais vinculadas ao coidado e traslado de pacientes. Inclúese, así, o persoal de transporte sanitario e das emerxencias, unha peza esencial do sistema, co cal Galicia se converterá na primeira comunidade que recolla de forma expresa as infraccións e sancións por agresións a estes colectivos.

Gómez Caamaño explicou que a modificación da Lei establece un réxime sancionador que inclúe aqueles actos de violencia que se produzan en centros sanitarios ou hospitais privados, estean ou non concertados. Ademais, tipifícanse as infraccións leves, graves e moi graves, prevendo sancións que poden ir desde os 300 aos 15.000 euros, en función da súa consideración.

A norma da Xunta tamén establece a defensa xurídica automática do persoal da sanidade pública por parte da Administración autonómica, así como o apoio psicolóxico preciso para os afectados.

Entre as medidas adicionais que se establecen para o agresor está o cambio de profesional asignado ou, en caso de infraccións graves ou moi graves, a adscrición a outro centro. Ademais asegúrase a reparación integral do dano causado.

O anteproxecto de Lei prevé a creación dun rexistro único de actos de violencia e a aprobación do Plan galego de prevención contra a violencia no ámbito sanitario, que incluirá medidas de prevención, protocolos de actuación, formación e campañas de sensibilización social.

3 de maio de 2025 | 00:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.