Sanidade remarca que os galegos agardan para operarse 59 días menos que a media española
Os datos feitos públicos polo Ministerio de Sanidade mostran que o sistema sanitario público galego ten unha espera media de 67 días para unha intervención cirúrxica, fronte aos 126 días da media española.
Galicia destaca como a terceira comunidade con menores esperas para acceder a unha primeira consulta co especialista, cunha media de 61 días fronte aos 105 días do sistema nacional de saúde.
En 2024 Galicia rexistrou o récord de cirurxías, ao superar as 200.000 operacións realizadas nun ano.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou esta tarde no Parlamento que a poboación galega agarda 59 días menos que a media nacional para acceder a unha intervención cirúrxica. Así, e de acordo ao último informe publicado polo Ministerio de Sanidade, con datos de decembro de 2024, Galicia é a cuarta comunidade autónoma con mellores datos de lista de espera.
Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular de Sanidade precisou que o sistema sanitario público galego rexistra unha espera media de 67 días, unha cifra que moi por debaixo dos 126 días que debe agardar de media a poboación no resto do territorio español.
“Os galegos esperan para operarse 59 días menos que a media española” abundou o conselleiro, ao tempo que destacou que soamente o 3,9 % dos pacientes tiveron que agardar máis de 6 meses para unha cirurxía, cando a media de España se situou no 22,9 % a decembro de 2024.
Gómez Caamaño incidiu en que o bo traballo do Servizo Galego de Saúde non se cingue unicamente ao ámbito das cirurxías, pois no referido ás primeiras consultas co especialista a comunidade galega tamén se posiciona como un dos mellores sistemas sanitarios de toda España.
“Galicia é a 3ª comunidade con menos tempo de espera para unha primeira consulta co especialista: os galegos agardaron 44 días menos que a media de España: a media galega foi de 61 días; e a media do sistema nacional de saúde de 105”, puntualizou.
Entre os datos apuntados esta tarde polo conselleiro tamén destaca que a peche de 2024, só un 36 % dos pacientes agardaron máis de 60 días por unha consulta en Galicia, mentres que no resto de España esa porcentaxe acadou o 62,3 %.
“Todas as áreas sanitarias se sitúan moi por debaixo da media de España, o cal demostra que imos polo bo camiño” apuntou Gómez Caamaño.
Do mesmo xeito, o conselleiro de Sanidade puxo o foco no novo récord que vén de rexistrar o sistema sanitario público galego, ao superar por primeira vez na súa historia as 200.000 operacións realizadas nun ano.
Tempos de agarda nos hospitais comarcais
Gómez Caamaño tamén se referiu aos bos datos de espera cirúrxica que rexistraron, a decembro de 2024, a totalidade dos hospitais comarcais, o que reflicte o nivel de accesibilidade e de equidade que garante a sanidade pública galega.
En cifras, o hospital Virxe da Xunqueira de Cee rexistrou unha espera media de 36 días para unha cirurxía; o hospital de Barbanza de 29 días; os hospitais da Mariña e de Monforte de Lemos de 46 e 36 días, respectivamente; os pacientes do hospital de Valdeorras agardaron unha media de 31 días e os de Verín, 48; e o hospital Público do Salnés concluíu o ano 2024 cunha demora media para operarse de 40 días.
O conselleiro pechou a súa intervención agradecendo o labor do conxunto de profesionais que integran o Servizo Galego de Saúde, que garanten que Galicia dispoña dun sistema sanitario “áxil, equitativo e prioritario”.











