Proxecto europeo CEMTex de mellora da sostibilidade e circularidade no uso dos materiais téxtiles nos sistemas sanitarios
Esta iniciativa ten como finalidade contribuír ao desenvolvemento dun modelo de consumo de materiais téxtiles médicos que cumpran de xeito óptimo cos requirimentos sanitarios comunitarios, coa intención de reducir as emisións de carbono e de materiais sobrantes varios.
O obxectivo final será xerar un modelo económico circular para este mercado, sen perder de vista os focos de problemáticas presentes na actualidade.
O proxecto no que a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde é socia, ten un orzamento de 1,7 millóns de euros e catro anos de duración.
O director da área de Desenvolvemento e Innovación sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero, e a coordinadora da estratexia de economía circular do Servizo Galego de Saúde, Beatriz Piñeiro, participaron esta semana, na cidade de Arnhem, Países Baixos, no evento inaugural do proxecto europeo CEMTex.
O departamento sanitario da Xunta, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, forma parte do proxecto europeo Interreg Europe CEMTex, que ten un orzamento de 1,7 millóns de euros e catros anos de duración.
Partindo da necesidade identificada de xerar unha mellor cooperación entre rexións, hospitais e cadeas de valor, requírese unha mellora na sostibilidade e circularidade do modelo de uso no caso dos materiais téxtiles médicos.
Así, nas actividades do proxecto procederase a identificar barreiras e xanelas de oportunidade que se presentan para o cambio de modelo e para promover esta forma colaborativa de desenvolvemento das solucións e o modelo de economía innovadora, circular e ecolóxica.
Cómpre remarcar que as necesidades existentes nos sistemas sanitarios, motivadas pola situación que se está a vivir en certas rexións de Europa e pola súa división produtiva, provocou o deber nestes sistemas de achegar solucións. Unha das problemáticas centrais que se identificaron é a referente ao modelo dun único uso adoptado cos materiais téxtiles.
Ao respecto, resulta claro que, sinaladas as necesidades polas directivas e regulamentacións da UE en materia de residuos, era preciso elaborar un proxecto cunha proposta internacional coordinada e ese proxecto será CEMTex.
O socio coordinador é a provincia de Gelderland (Holanda). Ademais, forman parte activa deste proxecto socios de varios países europeos: Rexión Central de Dinamarca (Dinamarca), Next Technology Technotessile (Italia), Axencia de Desenvolvemento Rexional do Nordeste (Romanía), Hospital Emile Mayrisch (Luxemburgo), Clúster Technical Téxtiles (República Checa), Axencia de Desenvolvemento Rexional da Rexión de Lugansk (Ucraína).
A estes socios engádese o propio Servizo Galego de Saúde, que será o único español, actuando a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde.
O socio ucraíno, a Axencia de Desenvolvemento Rexional da Rexión de Lugansk, terá status de socio descubridor. Ademais, desempeñarán un rol de soporte do proxecto dúas autoridades rexionais das zonas do Municipio de Prato (Italia) e a Rexión de Hradec Kralove (República Checa).











