Novas oportunidades de colaboración entre Galicia e China

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta mantivo hoxe en Vigo un encontro con Xi Guohua, presidente do grupo chinés propietario da fábrica do Porriño CITIC Censa.

Abordáronse as oportunidades que se abren en sectores clave como a industria de alta tecnoloxía, o desenvolvemento de novos materiais e o urbanismo sustentable.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe en Vigo un encontro co presidente de CITIC Group, Xi Guohua, o grupo estatal chinés propietario da fábrica de CITIC Censa no Porriño, co obxectivo de avaliar posibles vías de colaboración estratéxica entre Galicia e China. 

No encontro, no que participou tamén a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, sinaláronse as oportunidades que se abren para as relacións económicas entre a Comunidade e o país asiático en sectores clave como os servizos financeiros, a industria de alta tecnoloxía, o desenvolvemento de novos materiais e as solucións de urbanismo sustentable.

O presidente autonómico trasladou durante a reunión que a Xunta traballa para converter Galicia nun polo de atracción industrial e que é prioritario espertar o interese e a confianza dos grandes grupos empresariais.

Rueda, que fixo fincapé na estabilidade da Comunidade, lembrou que Galicia ofrece aos posibles investidores seguridade xurídica e as máximas facilidades administrativas desde o estrito cumprimento á normativa ambiental. Así, están en marcha medidas como a Oficina Económica de Galicia, un novo modelo de atención entre a Administración e as empresas pioneiro en España e deseñado para asesorar, ofrecer soportes e axuda especializada. Desde a súa posta en marcha o pasado ano, xa tramitou máis de 21.000 consultas.

Ademais, tal e como lembrou o responsable do Executivo autonómico, Galicia dispón de solo industrial cunha tramitación máis áxil grazas á posta en marcha de novas figuras como as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Só (Zapes) para estimular novos proxectos empresariais.

18 de maio de 2025 | 20:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.